A vitoria do peronismo nas presidenciais arxentinas fai de contrapeso ao poder de Bolsonaro no Brasil

Mantense o pulso dereita - esquerda en Latinoamérica

Tras a hexemonía dos Gobernos de progreso no abrente do século XXI, o neoliberalismo retrucou con forza na segunda década mais non dabondo para gañar por KO. Os recentes comicios deixan en pé ‑aínda que maltreito‑ Evo Morales en Bolivia; vivo para un segundo ‘round’ o Frente Amplo, no Uruguai; Bogotá, cunha alcaldesa ‘verde’, e o espírito de Néstor Kirchner, de volta na Casa Rosada. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.
Cristina Fernández e Alberto Fernández celebrando a vitoria electoral. Foto: Europa Press.
photo_camera Cristina Fernández e Alberto Fernández celebrando a vitoria electoral. Foto: Europa Press.

“Néstor no se murió, Néstor vive en el pueblo, la puta madre que lo parió”. O domingo, 27 de outubro, xornada electoral na Arxentina, coincidiu co cabodano de Néstor Kirchner, figura fundamental da esquerda neste século. O novo presidente electo, Alberto Fernández, foi o seu xefe de gabinete e lembrouno no discurso da vitoria entre os cánticos kirchneristas, coa súa viúva e videpresidenta Cristina Fernández ao seu carón. Unha vitoria que mantén o pulso esquerda‑dereita na rexión.

A primeira década do século XXI supuxo unha mudanza significativa en América Latina con respecto á dinámica dominante ‑EUA mediante‑ na anterior centuria. Os Gobernos de Lula, Chávez, Kirchner, Morales, Correa e Mújica abrollaron nun territorio sometido durante séculos aos intereses das potencias estranxeiras.

Porén, os avances sociais para importantes sectores da poboación, anteriormente esquecidos ‑ou directamente ignorados‑, non convenceron as clases de vello privilexiadas. Apoiada nos medios, cun amplo financiamento e levada por unha corrente populista ‑da que tampouco foi allea no seu momento a esquerda‑ a dereita retrucou na segunda década, aínda que sen forza dabondo para se facer hexemónica. A nova marea en América Latina seguía o ronsel global, coa vitoria de Trump e un Brexit con pés xenófobos marcando o paso. O acoso a Maduro, o encarceramento de Lula, a derrota de Dilma Rousseff, a vitoria de Sebastián Piñera ou a mudanza no Ecuador presaxiaban un novo e longo período conservador. Mais as receitas neoliberais demostraron ter un percorrido curto. O estancamento da economía non tiña nada a ver con políticas económicas de maior e mellor reditribución da riqueza, senón con procesos globais máis profundos ou mesmo ‑tal e como defenden diversos estudosos desde a esquerda‑ co esmorecemento do sistema económico actual.

mini-internacional

Famélica Arxentina

Os datos están aí. Mauricio Macri deixa unha Arxentina sumida na miseria. Case 40% da poboación está en risco de pobreza (hai 15 millóns de indixentes, cinco máis que hai catro anos) e a metade das crianzas padece fame. Ademais, prevese que 2019 feche cun dato de inflación por riba de 60% (300% máis que en 2015), mentres que os salarios caeron máis de 20%. Un Macri que chegou izando a bandeira da anticorrupción e acabou aparecendo nos Papeis do Panamá. Un Macri ao que agardan ‑cando menos‑ dez causas xudiciais, cunha xustiza menos favorábel que nestes catro últimos anos. Non terá un labor sinxelo Alberto Fernández, presidente a partir do 10 de decembro, para reverter a situación, aínda que as casas de troco abriron na segunda feira co peso cotizando 3,17% máis. A primeira medida a raíz dos resultados electorais tomouna o Banco Central, que impuxo un novo límite á compra mensual de dólares, 200 para as transaccións bancarias e 100 en efectivo. 

Mauricio Macri deixa a Arxentina sumida na miseria: case 40% da poboación en risco de pobreza e 50% das crianzas padecen fame

Alberto Fernández chega á Casa Rosada do brazo de Cristina Fernández, que soubo colocarse nunha posición non central para amortecer o rexeitamento visceral que xera no antiperonismo (así se explica que o Xuntos polo Cambio de Macri recortase á metade a diferenza coa Fronte de Todos desde as primarias de agosto: de 33% pasou a 40,4%, por 48,19% da FdT). Apúntase a futuros desencontros entre os Fernández, dúas persoas que estiveron distanciadas até que o medo a catro anos máis de Macri fixo por as xuntar. De feito, a maior esperanza do presidente saínte era a división dentro do peronismo. Un dato: desde o final da ditadura, o peronismo unido tan só perdeu catro comicios, as presidenciais de 1983 (gañadas por Alfonsín) e as de 1999 (gañadas por De la Rúa) ‑os dous, por certo, de ascendencia galega‑; e as lexislativas de 1985 e 1997. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios