Alberto Fernández contén a caída electoral nas lexislativas parciais arxentinas

O peronismo perde o quórum no Senado arxentino nunhas eleccións nas que foi quen de mitigar os resultados das primarias e de manterse como a forza maioritaria na Cámara de Deputados e no Senado.
O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Daniel Bustos / ZUMA Wire / dpa)
photo_camera O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Daniel Bustos / ZUMA Wire / dpa)

As eleccións na Arxentina do pasado domingo, na que foron renovados 127 dos 257 asentos da Cámara de Deputados e 24 dos 72 do Senado, supuxeron unha nova vitoria do bloque conservador de Xuntos polo Cambio, que acadou o 42% fronte ao 33% da Fronte de Todos, que agrupa o peronismo da man do presidente Alberto Fernández.

A pesar da derrota, o oficialismo conseguiu frear a caída de votos nas primarias do pasado 12 de setembro, na que foron elixidas as candidaturas para os comicios do domingo, achegándose en todo país -agás na cidade de Bos Aires- aos rexistros da forza que dirixe o ex presidente Mauricio Macri.

Isto non evitou unha fenda aínda máis grande nos sufraxios ao Senado, nos que a diferenza alcanzou os 20 puntos.

Os resultados permiten a Xuntos polo Cambio facerse con 61 deputadas e deputados e 14 senadores, un e seis máis respectivamente dos que xa tiña. Mentres, Fronte de Todos consigue 50 asentos na cámara baixa e 9 na alta, perdendo dous deputados e seis senadores.

Como terceira forza situouse a Fronte de Esquerda e de Traballadores, co 6%, que pasa de dous a catro escanos na Cámara de Deputados.

Nova etapa

Con estes resultados, o peronismo queda con 118 escanos no órgano e con 35 membros no Senado, mentres que Xuntos polo Cambio remata con 116 e 31, o que implica que por primeira vez en 30 anos o oficialismo perde o quórum no Senado e terá que negociar novas alianzas para que os seus proxectos saian adiante no lexislativo, entre eles, un acordo para a débeda de 45.000 millóns de dólares (39,4 millóns de euros) co Fondo Monetario Internacional.

Por provincias, Xuntos polo Cambio foi a formación máis votada en 13, coa Fronte de Todos impoñéndose en 9 delas. En Río Negro e Neuguén as vencedoras foron forzas rexionais.

O resultado máis determinante foi o da provincia de Bos Aires, onde reside o 40% das e dos habitantes da Arxentina, onde o oficialismo foi quen de reducir os 5 puntos de diferenza nas primarias até acabar a 1,3% da oposición.

Após facerse públicos os primeiros resultados, Fernández ofreceu un discurso televisado no que defendeu que “comeza a segunda etapa do noso Goberno e sei que precisamos un horizonte, temos dereito á esperanza. Falei e escoitei a centenares de persoas: todos e todas precisan máis certezas. Saber que cada día e cada vez estaremos un pouco mellor”.

Comentarios