O acordo para devolver o diñeiro ao FMI evidencia a fenda no Goberno arxentino

Manifestación multitudinaria da esquerda política e social contra o pacto.
fmi_argentina8feb2022
photo_camera Intervención na Praza de Maio bonaerense das organizacións convocantes da marcha, que partiu das avenidas de Maio e 9 de Xullo (Foto: FIT / Facebook)

"A Fronte de Todos acordou co FMI un novo pacto que significa máis dependencia, máis extractivismo e máis pobreza para o noso país", argumenta o documento asinado por arredor de 200 organizacións políticas, sindicais e da sociedade civil arxentina e lido na tarde da terza feira (madrugada galega da cuarta) tras a manifestación en Bos Aires contra o acordo co Fondo Monetario Internacional.

A Fronte de Todos (FdT) é a coalición peronista de esquerdas no Goberno arxentino, con dúas grandes correntes: a liderada polo presidente Alberto Fernández, de perfil máis moderado, e outra que ten a vicepresidenta, Cristina Fernández, como referente. O albertismo e o kirchnerismo.

As diferenzas, sempre existentes, fixéronse máis notorias tras o recente declive electoral, que a póla máis esquerdista achacou á falta de políticas socioeconómicas máis radicais. Nos últimos días, nas últimas horas, as discrepancias volveron abrollar con forza  por causa do preacordo para o refinanciamento do préstamo concedido ao país en 2018. 

Máximo Kirchner, fillo da vicepresidenta, renunciaba ao cargo de portavoz parlamentario o pasado 31 de xaneiro en protesta polas formas e os contidos da negociación co FMI. E os deputados kirchneristas no Congreso que el lidera anunciaron que non apoiarán co seu voto o novo marco asinado polo Goberno. 

A FdT é a primeira forza da Cámara baixa, mais non ten a maioría, que perdeu tamén no Senado tras as lexislativas de novembro pasado. Non obstante, a principal forza opositora, a conservadora Xuntos polo Cambio (JxC, nas siglas en español), si que baralla votar a favor.

Pagos até 2036

A Arxentina debe abonar antes do 22 de marzo 2.850 millóns do préstamo orixinal de 44.500 millóns de dólares (39.000 millóns de euros ao troco actual) concedido ao Goberno do liberal Mauricio Macri (2015-2019), cantidade que o país actualmente non ten. 

O novo plan de pagos de "facilidades estendidas" acordado co FMI ─que permite que a devolución do diñeiro se alongue até 2036, mais de forma integra, incluídos 19.000 millóns antes de fin de ano─ ten que contar co visto bo parlamentario. 

A cambio, o Executivo comprometeuse a non superar un déficit fiscal de 2,5% do Produto Interior Bruto (PIB) en 2022; 1,9% en 2023 e 0,9% en 2024. Tamén, a unha menor emisión monetaria, a políticas de control de prezos, ao control da fuga de capitais e a engrosar as reservas internacionais, que este ano son de 500 millóns de dólares, recolleu La Nación

O Goberno defende que o acordo non afectará o gasto social nin o crecemento. "O acordo co FMI non é de axuste, o gasto real vai crecer", subliñou o controvertido ministro de Economía, Martín Guzmán, nunha entrevista publicada o 30 de xaneiro en Página 12, onde tamén argüíu que foi o anterior Goberno, e non o FdT, quen acudiu ao FMI.

Porén, para a Fronte de Esquerda e os Traballadores (FIT), principal formación á esquerda do FdT (4 dos 257 asentos do Congreso) e unha das impulsoras da mobilización que acabou  na Praza de Maio bonaerense "a débeda é ilexítima e impagábel". 

"Pagar a débeda é recoñecer a estafa macrista", escribiu en Twitter a dirixente do FIT Vilma Ripoll, que cuestionou a máxima do Goberno de "crecer para pagar" significará "máis megaminería e precarización, ademais dunha perda de soberanía e dun duro axuste á clase traballadora".

Máis de 40% da poboación da Arxentina vive na pobreza. 

Críticas da oposición pola visita a Rusia e á China do presidente

JxC iniciou unha ofensiva no Congreso con motivo da viaxe diplomática que levou nos últimos días o presidente Fernández á China e a Rusia. En concreto pediu a comparecencia do ministro de Exteriores,  Santiago Cafiero, para dar "explicacións" sobre o anuncio do ingreso do país na Ruta da Seda "que o vincula co réxime autoritario da República Popular da China", segundo recolleu 'Clarín'. O partido da dereita liberal tamén cuestionou a viaxe a Moscova no medio da negociación co FMI e da tensión en Europa do Leste. 

Comentarios