Kirchner denuncia un "fusilamento xudicial e mediático" na Arxentina

A Fiscalía pide inhabilitación de por vida para a mandataria, que opta por facer unha intervención pública ao non deixarlle a Xustiza efectuar unha ampliación da declaración indagatoria, feita antes de que os fiscais fixeran pública a súa petición de sentenza na última xornada do litixio.
A ex presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, saúda a terza feira desde un balcón do Senado os seus seguidores. (Foto: Leo Vaca / telam / dpa)
photo_camera A ex presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, saúda a terza feira desde un balcón do Senado os seus seguidores. (Foto: Leo Vaca / telam / dpa)

Tras negarse o Tribunal Oral Federal 2 de Bos Aires (Arxentina) a aceptar que a ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner ampliara a súa declaración indagatoria, após pedir a Fiscalía na alegación final do xuízo contra ela 12 anos de prisión e inhabilitación de por vida para exercer cargos públicos, Kirchner efectuou á última hora desta terza feira unha intervención pública desde o seu despacho no Senado, onde exerce como presidenta.

A actual vicepresidenta do país, unha das líderes do peronismo e da coalición Fronte de Todos, estivo arroupada por arredor dun milleiro de persoas, que seguiron a alocución desde o exterior do edificio e corearon con ela o himno peronista, cando saíu a un balcón unha vez rematada.

Nun discurso dunha hora e 40 minutos, defendeu a acción de Goberno do seu compañeiro Néstor Kirchner (2003-2007) e dela mesma (2007-2015), destacando que foron “os doce anos do mellor Executivo que tivo a Arxentina en moitas décadas”, facendo fincapé nas políticas de memoria, nas subas salariais e no compromiso de non endebedar o país a través das institucións financeiras internacionais.

Nese sentido, sinalou cara á membros do sistema xudicial por tratar de limitar as políticas transformadoras dos gabinetes progresistas. “Aquí non se trata de estigmatizar ou confundir os Gobernos populares con asociacións ilícitas, agora protexen os que verdadeiramente rouban no país”, subliñou Kirchner en referencia aos fiscais do caso en particular, Diego Luciani e Sergio Mola, e da Xustiza do Estado, que alertou, continúa copada por achegados da última ditadura cívico-militar no país, entre 1976 e 1983.

Ao tempo, denunciou que “nesta farsa de hoxe que é o lawfare [uso indebido dos procesos xudiciais para atacar un opoñente político] en América Latina, cando xa non hai partidos militares pero hai Partido Xudicial, dan un paso máis”, cualificando o seu caso de “pelotón de fusilamento mediático xudicial” e de “xuízo contra o peronismo”, advertindo á coalición de que calquera pode ser o obxectivo dos sectores xudiciais e dos medios de comunicación aliñados coa oposición, recolle Perfil.

Asemade, debullou os vencellos de Rodrigo Giménez Uriburu, presidente do tribunal que a xulga, cos militares golpistas, pois o seu pai era director de cerimonias dos ditadores Leopoldo Fortunato Galtieri e Reynaldo Benito Bignone, e a súa compañeira, Josefina Hornos, neta de Armando Hornos, coronel que liderou o masacre de Margarita Belén en 1976, no que foron asasinados e desaparecidos quince militantes peronistas.

Tamén responsabilizou da situación ao presidente da Cámara Federal de Bos Aires, Mariano Llorens, que entrou no tribunal de apelacións na época do anterior mandatario, Mauricio Macri, e que tería espiado os familiares das vítimas do ARA San Juan, un submarino da Armada afundido en 2017 con 44 tripulantes a bordo.

En contraposición a este caso, Kirchner acusounos de enterrar xudicialmente as probas de corrupción que implican a Macri, como até 100 mensaxes que intercambiou a súa man dereita, Nicolás Caputo, co ex secretario de Obras Públicas, José López, detido cando trataba de agochar nove millóns de euros nun convento do país.

Os organismos públicos negan que houbera corrupción

O xuízo contra Kirchner e outros tres ex funcionarios públicos baséase nun presunto caso de corrupción na provincia de Santa Cruz entre 2003 e 2015, por contratar até 51 obras públicas ao empresario Lázaro Báez, tamén imputado. No proceso, que comezou en 2019, acúsase a ex presidenta de ser a xefa dunha asociación ilícita e de administración irregular de fondos públicos. Porén, nin as testemuñas, nin a Oficina Anticorrupción ou a Unidade de Información Financeira do país avalaron as acusacións, chegando a pedir a absolución, apuntou Página 12. Tamén o Goberno arxentino e máis de 500 alcaldes apoiárona.

Sexa como for, a inmunidade da presidenta do Senado impide que poida entrar en prisión até que a Corte Suprema de Xustiza ratifique a decisión, polo que podería participar nas eleccións xerais de 2023.
 

 

Comentarios