O Congreso insta o Goberno a que recoñeza Palestina como estado, mais sen pór prazos

É unha declaración histórica, mais é tamén unha declaración algo descafeinada, o que explica o sentido "crítico" de moitos votos afirmativos. O Goberno non se ve comprometido a recoñecer a Palestina como Estado no que fica de lexislatura.

congreso1
photo_camera Embaixadores árabes con deputad@s dos grupos da oposición

Garantir antes a “convivencia con Israel” e eliminar os prazos para a súa execución foron algunhas das condicións que o PP puxo sobre a mesa para confirmar o seu voto favorábel á iniciativa palamentar encamiñada a instar o goberno ao recoñecemento do Estado Palestino. Nas súas mans está, xa que logo, o prazo para facer efectiva a resolución xa que do texto desapareceu calquera mención ao tempo que o Executivo tería para o recoñecemento oficial do Estado palestino. 

A iniciativa, unha proposición non de lei proposta polo grupo socialista, fora consensuada previamente co Executivo co fin de obter un amplo respaldo da Cámara. A véspera do pleno, dábase por feito que, salvadas diferenzas, o acordo iría adiante, entre outras cousas porque a iniciativa socialista non contemplaba prazos para a execución do recoñecemento, o que deixaba as mans libres ao goberno. Varias grupos políticos do Congreso, entre eles o BNG, rexistraron previamente unha emenda encamiñada a dar o debate no pleno e evitar que se rebaixara o perfil da declaración. 

Diversas forzas políticas, entre elas o BNG, presentaron unha emenda para que o recoñecimento do estado palestiniano se producise no que fica de lexislatura

O parlamento español súmase así ao de Reino Unido e Irlanda que nas últimas semanas aprobaron proposicións simbólicas de recoñecemento do Estado palestino. Suecia foi o primeiro estado dentro da UE que fixo o con carácter oficial. A República Checa, Rumanía, Hungría, Malta e Chipre recoñeceran tamén a soberanía palestiniana. Malia iso, a maior parte dos máis de 130 países que apoian co seu pronunciamento ao pobo palestino dándolle carta de Estado están en Latinoamérica, África e Asia. 

A emenda presentada por distintas forzas políticas, o BNG entre elas, encamiñábase a pechar o acordo de recoñecemento por parte do goberno na presente lexislatura e a promover que a mesma proposta se repetira no resto de estados da UE. 

Comentarios