CiU e ERC selan o acordo: a consulta será en 2014

O presidente en funcións de Catalunya e líder de CiU, Artur Mas, e o líder de ERC, Oriol Junqueras, veñen de pechar un acordo de gobernabilidade que implicaba o compromiso de lle por data ao referendo sobre autodeterminación

O presidente en funcións de Catalunya e líder de CiU, Artur Mas, e o líder de ERC, Oriol Junqueras, veñen pechar un "acordo total" de gobernabilidade que implica, segundo adiantou este último, o compromiso de realizar a consulta sobre a independencia en 2014.

Con todo, tal e como matizou Mas, unha cláusula permitiría "polas razóns que fosen oportunas" unha prórroga deste prazo.

Así o acordaron após unha xuntanza mantida esta terza feira na Generalitat, en que Mas procuraba o apoio da formación de Junqueras para o novo Executivo que ficaba suxeito a pactar a convocatoria do referendo.

"Hai un acordo de estabilidade para o Govern, será un Govern estábel e forte, que é o que lle cómpre a Catalunya nestes momentos", recalcou Junqueras, atallando que o pacto ficará definitivamente fechado na cuarta, após resolver unhas cuestións "de carácter menor". Darán conta do acordo no Parlament, onde se realizará na quinta e na sexta un pleno de investidura que permitirá a Artur Mas seguir á fronte do Executivo catalán.

Segundo avanzou o líder de ERC, no acordo "fica garantido" que @s catalá(n)s exerzan o seu dereito a se pronunciares nunha consulta sobre o futuro do país, así como que se practicarán mudanzas nas políticas económicas e sociais que cualificou de "imprescindíbeis". A primeira delas, un imposto aos depósitos bancarios.

Comentarios