Científicos alertan da suba da temperatura no Mediterráneo

Este verán as augas do mar Mediterráneo está a superar acotío os 30 graos centígrados por mor das ondas de calor mariñas, que poden xerar uns efectos devastadores entre as principais especies.
Praia da Malvarrosa (València). (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera Praia da Malvarrosa (València). (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

A temperatura do mar Mediterráneo está entre 3 e 5 graos centígrados por riba do usual nesta época do ano, superando constantemente a barreira dos 30 ºC, advertiu un grupo de científicos, o que leva ao límite a moitas especies, que ven “como, cada verán, supérase a súa temperatura óptima”, indicou o biólogo mariño Gil Rilov, que estuda as consecuencias nas costas mediterráneas.

A zona que está a padecer un maior impacto son as augas de Palestina, Israel, Líbano e Siria, que alcanzan temperaturas medias no verán superiores aos 31 ºC. Rilov sostén que a perda de biodiversidade que perciben nestas localizacións está movéndose cada vez máis cara a Grecia, Italia ou Catalunya.

O investigador do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona, Joaquim Garrabou, explica a medios internacionais que “estamos empurrando o sistema demasiado lonxe, temos que tomar medidas sobre os problemas climáticos canto antes”, respondendo a unha situación que cualificou como “preocupante”.

Estas ondas de calor mariña estanse a facer cada vez máis frecuentes e intensas, con todo, a diferenza das que acontecen sobre o mar, a súa duración é máis longa, afirma, incidindo en que afectan 90% de todo o Mediterráneo, que posúe entre 4% e 8% das especies mariñas coñecidas e arredor do que viven 500 millóns de persoas.

Asemade, destaca que isto limita a capacidade dos mares de absorber o exceso de calor terrestre e dióxido de carbono, o que axuda a combater o cambio climático, “pero agora levamos o océano a un estado insalubre e non funcional”, debulla Garrabou.

Mortalidade masiva

Xunta outros científicos, o investigador publicou en datas recentes un informe en Global Change Biology sobre o efecto das ondas de calor no Mediterráneo entre 2015 e 2019. A conclusión é que estes sucesos provocan unha “mortalidade masiva” de especies mariñas, rexistrando as súas consecuencias nunhas 50 especies, incluídos corais, esponxas e algas.

Segundo os datos, os efectos principais das ondas de calor, situados entre a superficie e os 45 metros de profundidade, continuarán en incremento. Entre 1982 e 2018, a temperatura do Mediterráneo medrou 0,4 ºC cada década, nestes intres, o ritmo aumentou até 0,5 ºC cada dez anos. “A pregunta non é sobre a supervivencia da natureza, a pregunta é sobre que se seguimos nesta dirección quizais a nosa sociedade non teña un lugar onde vivir”, cuestionou.

Comentarios