A CIA vía inviábel que a oposición gobernase Venezuela por falta de apoio e capacidade
Apenas 48 horas após o secuestro do presidente Nicolás Maduro e da Primeira Combatente —cargo oficial— Cilia Flores en Caracas por forzas especiais do exército dos Estados Unidos, Delcy Rodríguez, até entón vicepresidenta, xurou o cargo como presidenta encargada de Venezuela. A decisión de deixar o poder nas súas mans responde a recomendacións directas da CIA, que advertiu a Casa Branca das escasas posibilidades da oposición para gobernar o país e manter a orde institucional.
Segundo publicaron The New York Times e Wall Street Journal, a CIA elaborou un informe para avaliar os escenarios abertos tras o secuestro de Maduro. A conclusión foi clara: os sectores leais ao chavismo conservan o control efectivo do Exército e das forzas policiais, polo que calquera "transición que os excluíse" aumentaría o risco de inestabilidade, revoltas internas ou mesmo guerra civil.
O documento de intelixencia sinala tamén que a líder opositora María Corina Machado, malia o apoio popular alcanzado durante o ciclo electoral de 2024 e o seu recoñecemento na comunidade internacional, tería serias dificultades para exercer o poder real. A CIA advertía de que Machado non contaba nin co respaldo das forzas armadas nin coa capacidade inmediata para gobernar o país.
Machado, galardoada co Nobel da Paz en 2025, apoiou abertamente durante meses a escalada de presión de Washington contra o goberno venezolano, incluíndo a retórica belicista do presidente Donald Trump e as agresións militares previas ao secuestro de Maduro. Porén, o propio Trump evitou avalala publicamente tras a operación: "Sería moi difícil que ela fose líder; non ten o apoio nin o respecto do país", afirmou nunha comparecencia ante a prensa.
O informe da CIA analizaba quen estaría mellor situado para asumir un goberno temporal en Caracas. Ademais de Delcy Rodríguez, citaba como figuras clave o ministro de Interior e Xustiza, Diosdado Cabello, e o ministro de Defensa, Vladimir Padrino, como garantes da continuidade institucional a curto prazo.

