Venezuela aposta por avanzar cara ao socialismo

As eleccións presidencias danlle a vitoria a Chávez que recunca no goberno após tres lexislaturas. O apoio popular amosa a vontade do pobo venezolano de continuar avanzando cara ao socialismo.
photo_camera Hugo Chávez

Case dezanove millóns de venezolan@s estaban chamad@s ás urnas nas eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado domingo en Venezuela. Con case 13.000 colexios electorais a xornada transcorreu sen incidentes marcando un fito de participación en que máis do 80% do electorado exerceu o dereito a voto. Tibisay Lucena, presidenta do Consello Nacional Electoral asegurou que Venezuela escribiu unha "páxina brillante dentro da democracia" grazas a un proceso "tranquilo, sen sobresaltos, coa ledicia deste pobo que decidiu saír votar masivamente".

A última hora da tarde [hora venezolana], o CNE facía públicos os primeiros resultados após escrutárense o 90% das actas. Os datos daban a vitoria ao candidato Hugo Chávez que obtiña finalmente o 54,4% dos votos (7.860.982 papeletas). Con máis dun millón de votos de diferenza, o candidato da oposición, Henrique Capriles --apoiado polos partidos da dereita-- recibía 6.386.155 votos (44,55%). Porén, a respecto dos resultados obtidos nos comicios de 2006 a oposición aumentou notabelmente o seu número de apoios que ficaban daquela no 37%.

Pouco despois de se coñeceren os resultados electorais o candidato pola Mesa da Unidade Democrática (MUD), Henrique Capriles, asumía en conferencia de prensa a vitoria de Hugo Chávez como "a vontade do pobo" e agradecía aos máis de seis millóns de persoas que o votaron por lle amosaren o seu apoio. Así mesmo, o candidato da dereita púñase "ao servizo" de toda a cidadanía venezolana --tamén d@s que non o votasen-- pois asegurou ser un "servidor público".

Pola súa banda, o presidente (re)electo festexou rodeado por milleiros de persoas a súa vitoria e saudou o pobo venezolano desde o balcón do pobo no Pazo de Miraflores, onde parabenizou todo o país polo que considerou "un día memorábel". Chávez asegurou que após a xornada electoral en Venezuela "comeza un novo ciclo" e fixo un chamamento aos sectores da oposición a "saír dese estado anímico que levou boa parte deles a descoñecer todo o bo que hai nesta terra" para seguir mellorando cada día máis a prol da unidade nacional.

Chávez: "Esta Venezuela de hoxe é a mellor que tivemos en 200 anos"

Apoio e parabéns desde América Latina
Moitas foron as persoas que transmitiron a noraboa a Hugo Chávez após coñecérense os resultados das eleccións presidenciais. A través da súa conta oficial na rede social Twitter (@CFKArgentina), a presidenta arxentina, Cristina Fernández, parabenizou "ao pobo venezolano pola exemplar xornada democrática" e asegurou que o presidente Chávez estaba a recoller "a colleita" das terras que arara e sementara durante estes anos.

Así mesmo, Rafael Correa, presidente do Ecuador, empregou as novas tecnoloxías para lanzar unha reacción inmediata. Correa (@MashiRafael) parabenizou o presidente de Venezuela polos "case dez puntos de diferenza" que lle outorgaron a vitoria e asegurou que coas eleccións venezolanas "novamente se derruban as mentiras dos de sempre", apelando ás voces da oposición que aseguraban que o proceso iniciado nestes anos non contaba co apoio popular. 

Tamén así, Raúl Castro, felicitou desde Cuba "en nome do goberno e do pobo cubanos" a Chávez polo que dixo foi unha vitoria histórica que demostra "a fortaleza da Revolución Bolivariana e o seu incuestionábel apoio popular". Castro amosouse convencido de que o triunfo chavista "asegura a continuidade da loita pola xenuína integración da Nosa América Latina". Pola súa banda, Evo Morales, presidente de Bolivia, aseverou que o triunfo de Chávez "non é só o de Venezuela, senón o de todos os países da ALBA" que loitan, dixo Morales, "pola súa dignidade, soberanía e por forxar o seu propio destino".

Aliás, o que fora presidente de Honduras, José Manuel Zelaya Rosales, enviou unha misiva ao presidente Chávez en que transmitiu a súa ledicia polo triunfo "do socialismo en América Latina" e asegurou que a vitoria bolivariana imprime vixencia "ao pensamento de Bolívar, Morazán, Sucre, Martí e o Che". Aliás, Zelaya emprazou o neoliberalismo a rectificar os seus pasos e a abandoar "a idea dos golpes de estado militares" en aras da democracia e a paz en América Latina.

Así mesmo, as principais cabeceiras do país --pertencentes na súa maioría a grupos mediáticos opositores-- recolleron nas portadas de hoxe a vitoria de Hugo Chávez --que gobernará por un mandato de seis anos. Asemade, salientaron a elevada participación cidadá nos comicios. 

Comentarios