Opinión

O pobo decide en Venezuela

Hoxe celébranse eleccións presidenciais na Terra de Bolívar. 18.903.143 persoas inscritas para votar en 13.810 centros de votación, 899 no exterior como o do Consulado de Vigo, en 39.322 mesas de votación.O xoves choveu en Caracas. Mentres a manifestación popular de apoio ao Presidente Chávez inundou o xoves as rúas, noutra parte da cidade xuntábanse seguidores do candidato Capriles Radonski.

Hoxe celébranse eleccións presidenciais na Terra de Bolívar. 18.903.143 persoas inscritas para votar en 13.810 centros de votación, 899 no exterior como o do Consulado de Vigo, en 39.322 mesas de votación.

O xoves choveu en Caracas. Mentres a manifestación popular de apoio ao Presidente Chávez inundou o xoves as rúas, noutra parte da cidade xuntábanse seguidores do candidato Capriles Radonski. Na cidade respírase a tensión electoral dun pobo politizado e polarizado ao mesmo tempo. Son unhas eleccións moi importantes que van decidir moitas cousas non só para este país senon para o proceso de integración latinoamericana, se van nun sentido ou noutro. 

Formando parte da Misión de Acompañamento Internacional organizada polo Consello Nacional Electoral (CNE), 250 persoas de todo o mundo, representantes de organizacións electorais, xurídicas, políticas, académicas, gremiais, xornalistas, analistas, iniciamos un intenso programa organizado polo Poder Electoral da República Bolivariana de Venezuela. Puidemos visitar o dispositivo integrado de votación, a instalación de mesas, reunirnos cos comandos electorais de ambos candidatos e hoxe desprazarnos a distintos estados federados para seguir o despregue territorial da observación.

Amañeceron hoxe os xornais venezolanos con titulares de “votación histórica” e coa nova de que o Centro Carter afirmaba “que o sistema electoral venezolano impide o fraude”. É que baixo a ignorancia dunha idea repetida e magnificada, é evidente que este é un dos sistemas máis auditados do mundo, contrastado e de maior fiabilidade electoral. Moitas mentiras repetidas van asentando unha verdade, por iso convén clarificar algunhas cousas para que moitas verdades repetidas combatan o que non é certo. Unha evidencia, chequeada por organismos electorais de todo o mundo, mentres continúa a insistencia e maledicencia de determinada imprensa internacional, algunha mesmo considerada progresista -entre eles algúns medios españois- falan dunha posible fraude electoral e da confusión de poderes. Unha idea falsa porque o Poder Electoral é un poder autónomo do poder público, independente do poder executivo, que exerce a función de árbitro na contenda electoral, e que como di a Constitución é “expresión da transformación da democracia representativa á democracia participativa e protagónica”. Esta elección presidencial acumula a experiencia de máis dunha década de incorporación de novas tecnoloxías ao sistema electoral, e a cidadanía venezolana asiste dende 2004 a procesos electorais automatizados. Mais a innovación destas eleccións é a incorporación ás mesas electorais do Sistema de Autenticación Integrada (SAI), unha ferramenta biométrica de autenticación da/do votante na que a electora ou o elector van poder certificar súa identidade na máquina de votación co seu número de documento de identidade e súa pegada dactilar. 

Sen entrar nas opinión políticas que se están lendo estes días en determinados medios de comunicación e en especial nas interpretacións certamente manipuladas, creo que é necesario chamar a atención sobre a campaña de desprestixio do sistema electoral, que non só está infundada senon que ten unha clara intención de menosprezo e un enfoque parcial. 

A mellora técnica do sistema fixo que exista unha mellora política no sentido da participación cidadá. Mellora dende o punto de vista da participación: no 1999, no referéndum consultivo participou o 37,8% dos votantes, mentres que no 2010, nas eleccións parlamentares o índice de participación foi do 66,4%. Mellora dende o punto de vista da igualdade e da inclusión política, implicando as maiorías que sempre foron discriminadas. Mellora dende o punto de vista da igualdade aos electoras e electores dende o prisma territorial, xa que a lonxanía dos centros de votación, que estaban centrados en centros urbanos de fácil acceso, discriminaba a poboación das áreas rurais e das áreas suburbanas da grandes cidades. Así pasouse de 8278 centros no ano 2000 a 14.055 no 2012, e de 7000 mesas de votación pasouse a 38.266 no mesmo período, un exemplo de achegamento de política participativa aos excluídos do sistema. Mellora do sistema para garantir a fiabilidade e a transparencia e combater a fraude , instalada na cultura política venezolana de sistemas pasados. Porque aquí desconfían, despois de tantas fraudes, ditaduras e manipulacións de voto, e é necesario informar que malia as manipulacións informativas, todos os partidos políticos venezolanos aceitan os resultados e decisión do Poder Electoral, como o que aconteceu no referendo da reforma constitucional de 2007 ou as parlamentarias de 2010. Por que polo tanto incitar a que se dubide, cando foi aceitado o sistema de auditoría e verificación electoral?

As organizacións políticas fixeron súas propostas, o poder electoral deu a información para realizar un voto seguro que impida a fraude e sexa o espello da súa vontade política. Participar con igualdade, nun día histórico na terra de Bolívar, exercendo a soberanía electoral que vai elixir ao Presidente da República Bolivariana de Venezuela a quen obteña a maioría simple de votos válidos. Como decía hoxe un cidadán ao instalar as mesas electorais en Maracaibo, estado federado de Zulia, onde me encontro e onde acabamos de estar ás 5 horas asistindo á instalación das mesas eleitorais: que flúa o proceso democrático!. O Pobo decide.  

Comentarios