Un chamamento internacionalista reclama a unidade dos pobos do mundo para exixir a fin do xenocidio de Palestina

O Grupo de Mulleres da Asemblea Internacional dos Pobos interpela a todas as persoas do mundo que teñen "“conciencia para deter o xenocidio que sofre o pobo palestino en Gaza”, e para levar ante a xustiza os “crimes de guerra cometidos contra ao pobo palestino"
Manifestantes nunha concentración de apoio a Palestina, este 25 de novembro en Glasgow, Escocia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / dpa)
photo_camera Manifestantes nunha concentración de apoio a Palestina, este 25 de novembro en Glasgow, Escocia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / dpa)

O Grupo de Mulleres da Asemblea Internacional dos Pobos (AIP) fixo un chamamento ás organizacións populares, e a todas as persoas do mundo que teñen “conciencia para deter o xenocidio que sofre o pobo palestino en Gaza”, e para levar ante a xustiza os “crimes de guerra cometidos contra ao pobo palestino”.

Nun comunicado, a entidade que se define como “proceso internacionalista que constrúe unidade arredor do anticapitalismo, o antiimperialismo, a ecoloxía, o feminismo e o antirracismo”, fai referencia a máis de dous millóns de “palestinas indefensas que levan máis de 36 días na Franxa de Gaza sometidas a un exterminio sistemático levado a cabo polo exército da ocupación sionista utilizando un arsenal de armas prohibidas internacionalmente, como bombas de acio e fósforo, contra nenos e nenas, mulleres e civís indefensos”. Un asedio, din, que Israel está a levar a cabo “coa complicidade das potencias imperialistas mundiais, encabezadas polos Estados Unidos”.

Todas as vivendas dos barrios residenciais de Gaza quedaron destruídas por completo o que provocou até o momento o asasinato de “máis de 11.200 palestinos, entre eles 4.600 nenos e nenas, 3.100 mulleres e 650 persoas maiores de idade”. Unhas cifras ás que a AIP suma as 29.000 persoas feridas e as máis de 2.700 que aínda seguen baixo os cascallos.

O xenocidio sistemático contra a poboación de Gaza e os continuos bombardeos das cidades de Cisxordania son o último dos 75 anos de campaña sionista contra o pobo palestino, que non só destruíu Gaza co armamento israelita letal, senón que tamén “privou a poboación civil das necesidades máis básicas para a supervivencia como a auga, os alimentos, os medicamentos e o combustíbel”.

Segundo o Grupo de Mulleres da AIP, a ofensiva lógrase mediante un “brutal asedio” imposto por unha maquinaria de “guerra nazi”, coa intención de levar a cabo un xenocidio sistemático para forzar ao pobo palestino a desprazarse da súa propia terra e así, acabar por completo coa causa palestina.

No comunicado, a organización internacionalista define a situación actual de Palestina como un “verdadeiro crime contra a humanidade”, crimes que permanecerán como unha “mancha na conciencia a unha parte significativa do mundo que permanece ou ben pasiva, ou simplemente como observadores ou xustificando e apoiando os diarios masacres sanguinarios da ocupación sionista”.

En vista diso, a AIP fai un chamamento a todos os pobos do mundo, “xunto con todas as forzas da liberdade e a humanidade, e a toda persoa consciente do mundo que senta indignada polo xenocidio que se desenvolve nas pantallas de televisión ante os ollos do mundo enteiro” a que asinen o seu chamamento e protesten en nome das súas organizacións para que “poidamos enviar unha mensaxe unificada exixindo o fin do xenocidio do pobo palestino, o seu desprazamento e a entrega inmediata de axuda e materiais de socorro para poñer fin a un dos maiores crimes contra a humanidade do século actual”.

“Cada minuto que pasa, decenas de nenas e nenos palestinos pagan o prezo coas súas vidas baixo o brutal bombardeo do exército da ocupación sionista. Que o mundo reaccione non só denunciando e condenando, senón uníndose para deter esta brutal guerra, salvar o que queda da nosa humanidade, defender o dereito do pobo palestino para crear o seu propio Estado libre e independente. Así mesmo, demandar a ocupación sionista ante a Corte Penal Internacional, para que examine a intención xenocida e a incitación ao xenocidio, os crimes contra a humanidade e os crimes de guerra cometidos pola entidade sionista na Franxa de Gaza”, sentenza o comunicado.

Comentarios