Cayo Lara desautoriza a EUiA e defende que no referendo se pergunte tamén sobre federalismo e autonomismo

O coordenador de Esquerra Unida i Alternativa, a marca catalá de IU, deu a coñecer esta segunda feira a súa proposta de pergunta para o referendo de 2014: "Republica Catalana, si ou non?". Hoxe, foi desautorizado polo seu líder estatal, Cayo Lara. "Esa pergunta tería que ser contestada por todos os españois: se queremos República ou monarquía", dixo Lara.

cayo lara
photo_camera Cayo Lara, nun acto de IU

Cayo Lara pasou polos micrófonos de Catalunya Ràdio, a radio pública catalá, e non perdeu a oportunidade de marcar distancias co coordenador de EUiA, Joan Josep Nuet, que esta segunda feira xa fixo rular polo twitter o hashtag #RepublicaCatalana.

Non gostou o líder de IU, e do PCE, da proposta da súa organización en Catalunya, coligada nos últimos procesos eleitorais con Iniciativa per Catalunya-Els Verds.

A respeito da proposta de Nuet, Lara dixo: "Non é o marco en que se debe facer a pergunta. Esa pergunta debería facerse a todos os españois: se queren República ou monarquía". Dito doutro xeito, República, si, pero española.

Tampouco está de acordo en que a pergunta sexa se as e os cataláns están por unha Catalunya independente, si ou non, como defende ERC, e nese sentido defendeu que a pergunta abra distintas opcións: independencia, federalismo ou autonomismo.

Cayo Lara di que a hexemonía do independentismo en Catalunya se ten construído sobre falacias "como que España nos rouba"

"Nun hipotético referendo, ninguén debe ficar excluído da pergunta: os federalistas, os autonomistas, os independentistas. Doutro xeito a pergunta sería tramposa e non sería fiel á pluralidade de opcións dos cataláns", dixo.

Nese sentido, mostrou a súa convicción de que a maioría dos cataláns respaldaría un Estado federal como o que, di, propón EUiA, sempre e cando se lles explique en que consiste. Estima Cayo Lara que a hexemonía do independentismo en Catalunya "se ten construído sobre falacias como que España nos rouba o como que coa independencia seremos máis ricos e felices".

Para o líder de IU, "non hai problemas de bandeiras en España, senón de clases sociais".

Comentarios