Catalunya declara a emerxencia por seca, que afecta 80% da poboación

Límite de 200 litros por habitante e día.
O presidente catalán, Pere Aragonès, nunha declaración hoxe. (Foto: David Oller / Europa Press)
photo_camera O presidente catalán, Pere Aragonès, nunha declaración hoxe. (Foto: David Oller / Europa Press)

“Nunca afrontáramos unha seca tan longa e de tanta intensidade”, a “peor seca do último século”, polo que a “situación actual obríganos a realizar un esforzo extraordinario”, sostivo hoxe o presidente catalán, Pere Aragonès, ao anunciar a declaración da fase de emerxencia por seca no sistema hídrico Ter-Llobregat, responsábel da subministración de auga a máis de 200 municipios, entre eles Barcelona e Girona.

Sumados aos 37 concellos que xa estaban nesta fase nos últimos meses as restricións afectan xa a 80% da poboación de Catalunya. Estas case seis millóns de persoas terán que limitar o seu consumo a 200 litros diarios. Na agricultura, reducirase 80% a auga dispoñíbel, 50% na gandaría e 25% na industria. Ao tempo quedan vetados novos proxectos que requiran moita auga.

Os encoros das bacías internas catalás contan con reservas de 15,8% da súa capacidade, e no Ter Llobregat hai menos de 100 hectómetros cúbicos. “Serán semanas intensas, que poden ser o preludio de meses vertixinosos se a carencia de chuvias segue a persistir”, sinalou David Macort, conselleiro de Acción Climática.

Comentarios