domingo 12.07.2020

Cargas policiais nos EUA nas protestas pola morte de George Floyd

Os enfrontamentos entre policía e manifestantes pola morte violenta de George Floyd a mans da policía esténdense por todo o país

Protestas pola morte de George Floyd (Keiko Hiromi / Polaris).
Protestas pola morte de George Floyd (Keiko Hiromi / Polaris).

A cuarta xornada de protestas pola morte violenta de George Floyd a mans dun axente da Policía de Minneapolis rematou en varias cargas policiais en distintas cidades dos Estados Unidos de América (EUA).

Coa consigna Non podo respirar, centos de persoas saíron ás rúas para denunciar un novo caso de brutalidade policial co racismo de fondo.

En cidades como Nova Iorque, Os Ánxeles Chicago, Memphis, Houston ou Denver, as protestas, convocadas de forma pacífica, remataron nun enfrontamento entre os manifestantes e a policía, que cargaron con dureza e mesmo deixaron unha nova vítima na cidade de Detroit, segundo informa a CNN. 

En Atlanta, as manifestantes causaron importantes destrozos, mesmo intentaron atacar a sede da cadea de noticias CNN. En Minneapolis, epicentro das protestas, a xornada violenta da noite anterior, na que houbo saqueos e se lle prendeu lume a unha estación de policía, levou ao Goberno de Trump a mobilizar ao exército e decretar o toque de queda, que non impediu que as manifestantes seguisen cantando as súas consignas. 

comentarios