Cantas persoas morreron en Ucraína desde o comezo da guerra con Rusia?

Kíiv e Moscova dan cifras contraditorias sobre o número total de falecidos civís e militares.
Restos dun ataque na cidade de Khárkhiv. (Foto: Europa Press)
photo_camera Restos dun ataque na cidade de Khárkhiv. (Foto: Europa Press)

O pasado 25 de febreiro, Rusia deu inicio a unha ofensiva bélica en territorio ucraíno que chega xa aos seis meses de duración. Medio ano que ambos bandos cruzaron acusacións polo asasinato de civís dun e doutro lado da zona do Donbás.

Tanto o goberno ucraíno como o ruso mostráronse moi remisos a facer públicas as súas cifras de falecementos, ademais de dificultar as investigacións por parte de institucións e organismos humanitarios para coñecer o impacto da da guerra na poboación civil.

Nacións Unidas puido verificar a morte até o de agora de 5.587 civís e 7.890 persoas feridas. Do total de falecidos entre a poboación civil ucraína, 362 son crianzas, segundo os datos recollidos pola Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (ACNUDH).

A maior parte dos falecementos concéntranse nas áreas de Donetsk e Lugansk, en pleno centro do Donbás, onde se rexistraron 3.317 mortes e 4.303 persoas feridas.

Militares falecidos

O número de militares falecidos até o de agora en territorio ucraíno é moi distinto segundo se atenda á versión de Moscova ou de Kíiv. No caso dos militares do exército de Ucraína, o presidente Volodimir Zelenski confirmou nos últimos días a morte de 1.300 soldados.

Porén, o primeiro adxunto á Xefatura do Estado Maior das Forzas Armadas de Rusia, o xeneral Sergej Rudskov, elevou esta cifra até os 14.000 militares ucraínos falecidos, dun total de 30.000 baixas nas filas de Kíiv.

En canto ás cifras achegadas sobre o exército ruso, as variacións tamén son moi grandes. Por unha parte, a última estimación de Moscova é de 1.351 soldados e un xeneral mortos, ademais de 3.850 soldados falecidos.

Porén, o Estado Maior Xeral das Forzas Armadas de Ucraína asegurou esta segunda feira que Rusia perdeu uns 45.400 soldados, 234 avións, 198 helicópteros e 1.199 tanques.

Comentarios