Rusia acusa Ucraína de usar armas químicas en Zaporiyia

O Ministerio de Defensa ruso vén de acusar as forzas armadas ucraínas de teren utilizado armas químicas durante un ataque na rexión de Zaporiyia.
Central nuclear de Zaporiyia. (Foto: Víctor / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Central nuclear de Zaporiyia. (Foto: Víctor / Xinhua News / Contactophoto)

O Ministerio de Defensa ruso vén de acusar as forzas armadas ucraínas de teren utilizado armas químicas durante un ataque na rexión de Zaporiyia, onde se veñen rexistrando múltiples combates nas últimas semanas.

De acordo coa versión rusa, após un ataque encontráronse restos dunha neurotoxina en varios soldados, o que indicaría que o exército ucraíno utilizou armamento químico.

A este respecto, Moscova indicou que vai enviar as probas á Organización para a Prohibición de Armas Químicas (OPAQ) ao tempo que acusou Ucraína de recorrer "ao terrorismo químico" despois de "dúas derrotas militares no terreo".

Medo recorrente

A utilización de armas químicas ten sido un medo recorrente desde que o día 24 de febreiro Rusia invadise Ucraína, con acusacións por parte de ambos os bandos. Con todo, non existe un rexistro oficial de que, nesta ocasión, as tropas ucraínas teñan utilizado este tipo de armamento.

Refuxiados e baixas civís e militares

A guerra provocou un total de perto de 12 millóns de refuxiados e, na actualidade, descoñécese o número real de baixas civil e militares. 

A Organización das Nacións Unidas (ONU), a este respecto, indica que, segundo as súas previsións, estas cifras serán "elevadas".

Comentarios