Os Brics, contrarios ao ataque a Siria

Aspiran a ser un contrapeso ao Imperio. Os Brics (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) escenificaron en San Petersburgo, durante a cimeira do G20, a súa oposición ao ataque estadounidense a Siria. Teñen, aliás, un aliado de moito peso demográfico, político e xeoestratéxico. Indonesia. O Estado musulmán máis poboado do planeta, como subliñou Putin.

Brics
photo_camera Brics

Dilma Rousseff, presidenta do Brasil; Manhoman Sing, primeiro ministro da República da India; Vladimir Putin, presidente da Federación Rusa; Xi Jinping, presidente da República Popular de China; e Jacob Zuma, presidente da República de Sudáfrica. Os cinco líderes posaron xuntos para simbolizaren a súa oposición aos planos bélicos de Washington e a súa vontade de continuar axindo no plano internacional como un actor con vocación de ser contrapeso á superpotencia imperial.

Con eles está tamén, desta volta, Indonesia.

Indonesia, o Estado musulmán máis poboado, pronúnciase en contra do ataque a Siria

"A posición de Indonesia é clara. O presidente Yudhoyono dixo que, alén de afirmar que o uso de armas químicas contra civís inocentes non pode ser aceptado, necesitamos estar certos de quen realmente levou a termo os ataques. Neste senso, debemos agardar que a equipa de inspectores da ONU anuncien o resultado das súas investigacións". Nestes termos pronunciouse o ministro de Asuntos Exteriores indonesio, Marty Natalegawa.

"A resposta internacional non debería levar a agravar os problemas humanitarios. A miseria do pobo sirio tense prolongado moito no tempo e necesitamos garantir que a saída ao problema non será militar, senón diplomática", engadiu Natalegawa.

Rusia considerou moi relevante a posición de Indonesia, o Estado musulmán demograficamente máis potente do planeta.

Por súa parte, o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de China, Qin Gang, dixo a Russia Today que "China e Rusia chaman aos países envolvidos a que tomen en serio as posíbeis consecuencias do uso de medios militares sen o mandato do Consello de Seguranza de Nacións Unidas". Qin acha que a recente historia mostra que a solución militar "non pode resolver unha situación tan complicada como a de Siria".

Comentarios