Berlín deixa entrever que aceptará enviar tanques alemáns a Kíiv

Boris Pistorius, a terza feira. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)
Alemaña promete unha resposta "rápida" a Varsovia. Pola súa parte, en Ucraína foron destituídos unha ducia de cargos gobernamentais entre acusacións de corrupción.

Despois de reunirse co secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, esta terza feira, o novo ministro de Defensa alemán, Boris Pistorius, incidiu en que “animei expresamente os países socios que contan con tanques Leopard listos para o despregue a que adestren as forzas ucraínas neses tanques”.

“Se se da un si, que posibelmente será o caso nos próximos días, tamén poderíamos actuar rapidamente”, destacou o ministro, xusto na xornada na que Polonia presentou a petición formal para enviar 14 tanques a Kíiv que anunciara a segunda feira. Asemade, Mariusz Blaszczak, ministro de Defensa polaco, instou Berlín a unirse ao grupo de países dispostos a enviar o modelo Leopard 2, o máis cobizado por Kíiv.

Así e todo, Pistorius reiterou que a decisión está en mans do chanceler, Olaf Scholz, e que a resolución final sería adoptada ao finalizar o inventario dos tanques das Forzas Armadas alemás. Mentres, o voceiro do Departamento de Estado estadounidense, Ned Price, adiantou que a decisión podería chegar nas “próximas horas”.

A pesar das declaracións alemás, o primeiro ministro de Varsovia, Mateusz Morawiecki, acusou Berlín de “atrasar e esquivar” a medida, “actuando dun xeito difícil de entender”. Amais, afirmou que pedirá á Bruxelas unha compensación polo envío.

A autorización para reexportar os tanques culminaría varias semanas de presión no seo da OTAN para que Alemaña -o terceiro país en envíos de armas a Ucraína após os Estados Unidos e o Reino Unido- aceptase a reexportación dos Leopard. O Executivo de Scholz dubidou até o de agora desta medida polas implicacións sobre a súa participación na guerra e entre críticas a Washington por negarse a enviar os tanques estadounidenses.

Pola súa parte, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, apuntou que “estes envíos non auguran nada bo para o futuro das relacións [con Alemaña]”, que xa están  “nun punto bastante baixo”.

Corrupción

As denuncias por corrupción que se fixeron públicas nas últimas xornadas en Ucraína, que xa provocaran a detención dun viceministro por recibir subornos para asignar contratos, levaron onte á destitución de cinco gobernadores rexionais, catro viceministros e varios asesores do Goberno de Volodimir Zelenski.

Desde a invasión rusa morreron en Ucraína 7.068 civís, incluídas máis de 400 crianzas, revelou a Oficina das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, a meirande parte delas no Donbás, cuxo control se disputan rusos e ucraínos.