A ANP pide ao Congreso de EUA investigar o "apartheid israelí"

Visita de parlamentarios estadounidenses á cidade de Ramala.
EuropaPress_4267924_22_february_2022_palestinian_territories_ramallah_palestinian_prime
photo_camera O primeiro ministro palestino cos congresistas estadounidenses, onte en Ramala (Foto: Shadi Hatem / APA Images)

O primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mohamed Shtayeh, recibiu onte unha delegación de membros do Congreso de Estados Unidos para exporlles a situación de abusos a que está sometido o pobo palestino baixo a ocupación israelí.

"Pedímoslles que presionen polo recoñecemento do Estado de Palestina no Congreso de EUA" coa meta de "protexer a solución de dous Estados", apelou Shtayeh en reunións na cidade de Ramala cos congresistas, na súa maioría do Partido Demócrata, informou a axencia de noticias palestina Wafa.

O dirixente tamén pediu que o Congreso condene as colonias xudías en territorio ocupado, que cualificou como "o verdadeiro inimigo do proceso" de paz, e propuxo o envío dunha comisión "para investigar as políticas de discriminación e apartheid de Israel".

Ademais, chamou ao Goberno do presidente estadounidense Joe Biden "a cumprir as súas promesas, a principal das cales é a apertura do consulado de EUA en Xerusalén".

Eleccións

A ANP, cun autogoberno en zonas limitadas da Cisxordania ocupada, é un organismo cada vez máis impopular entre a poboación, e non organiza eleccións presidenciais nin parlamentarias para renovar o seu liderado desde 2006. Con todo, segue a ser o principal socio e interlocutor de EUA e da UE nos territorios palestinos.

En maio de 2021, os palestinos estaban convocados ás urnas para votar nos primeiros comicios lexislativos en 15 anos, mais o presidente, Mahmoud Abbas, cancelounos alegando que Israel non permitía que estes se desenvolvesen en Xerusalén Leste.

Comentarios