Por volta de 1.300 mortos polo terremoto en Haití

A comunidad internacional ofrece axuda ante o temor a un novo desastre humanitario mentres Protección Civil advirte da chegada da tormenta tropical 'Grace', que pon o país en alerta amarela.
Poboación haitiana entre o cascallo tras o terremoto (Foto: Unicef).
photo_camera Poboación haitiana entre o cascallo tras o terremoto (Foto: Unicef).

O terremoto de magnitude 7,2 que este sábado provocou graves danos en Haití, especialmente no sur e no oeste do país, deixa, segundo o último balance facilitado por Protección Civil, 1.297 persoas mortas e máis de 5.700 feridas, á espera de novos recontos.

Máis de 30.000 familias víronse afectadas polo derrubamento das súas vivendas ou danos noutros moitos edificios como igrexas, centros escolares, comisarías, hoteis e institucións sanitarias.

O sismo, que provocou nove réplicas con magnitude superior a 4 nas horas posteriores, tivo lugar a primeira hora do sábado -08.29 hora local- a uns 12 quilómetros da localidade de Saint-Louis du Sud, con hipocentro a 10 quilómetros de profundidade, de acordo co informe do Instituto Xeólogico dos Estados Unidos.

Tormenta tropical 'Grace'

Doutra banda, Protección Civil advertiu que nos próximos dous días espérase a chegada da tormenta tropical 'Grace' polo que pediu á poboación "prepararse para protexer as súas vidas e posesións". Unha alerta que levou ao Goberno de Porto Príncipe a pór o país baixo alerta amarela.

Ante esta nova ameaza, a directora executiva do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), Henrietta Fore, recoñeceu que "aínda non se coñece o alcance total da devastación provocada polo terremoto". "Os centros de saúde, escolas, pontes e outras instalacións e infraestruturas esenciais das que dependen os nenos e as familias tamén se viron afectados, nalgúns casos, de maneira irreparábel", alertou nun comunicado.

Axuda humanitaria

"As necesidades humanitarias nas zonas afectadas son graves, xa que se interromperon os servizos esenciais", dixo.

Neste sentido, fai un chamamento  aos "actores armados" nas áreas afectadas polo sismo para garantir que as organizacións humanitarias e a axuda internacional teñan "acceso sen restricións para brindar de maneira segura apoio e servizos oportunos para salvar vidas aos sobrevivientes", ante o risco de que a inseguridade relacionada coa violencia destres grupos poida debilitar a resposta xeral.

Haití, considerado o país máis pobre do hemisferio occidental, aínda vive o impacto do terremoto de 2010 que deixou unhas 200.000 persoas mortas, ademais do estado de axitación política que respira desde o asasinato en xullo do presidente Jovenel Moise.

Comentarios