domingo 01/08/21

Satisfacción e alivio ante a eficacia temperá da vacina cubana

A Soberana 02 mostra 62% de eficacia con só dúas das tres doses da pauta completa. A noticia, que chega no peor momento da pandemia na illa, tamén se agardaba con esperanza noutros países do mundo que agardan por ela.

soberana_cuba
A Soberana 02 é unha vacina conxugada de subunidade, tradicionalmente moi seguras (Foto: Twitter / @DiazCanelB)

"Felicidades Cuba. Na véspera do Día do Pai e a 13 meses da busca dunha vacina cubana, confírmase que con dúas dose, Soberana 02 alcanzou unha boa porcentaxe de eficacia. Axiña saberemos o dato coa terceira dose, SoberanaPlus, que debe ser superior", escribía nas últimas horas en Twitter o presidente cubano, Miguel Díaz-Canel.

Concretamente, esa porcentaxe é de 62% con só dúas das tres doses da pauta completa da vacina, segundo informou a empresa biotecnolóxica BioCubaFarma. Unha noticia de alivio e satisfacción na illa, coincidindo hoxe, 20 de xuño, como cada terceiro domingo de xuño, coa celebración do Día do Pai na maior das Antillas.

Cuba ten un prestixioso sector biotecnolóxico que lle permitiu exportar vacinas a todo o mundo durante décadas. Actualmente, conta con cinco candidatas a vacinas en ensaios clínicos, das que dúas, Soberana 02 and Abdala, están na última fase.

O Goberno cubano adiantou a inoculación ao igual que outros países como a China ou a India, onde os reguladores nacionais deron luz verde ás campañas de vacinación masiva antes de se completar a Fase 3 das probas clínicas.

Vacina conxugada de subunidade

"Nunhas poucas semanas deberiamos coñecer os resultados sobre a eficacia das tres doses que agardamos que será maior", sinalou na televisión estatal Vicente Vérez, director do Instituto Finlay de Vacinas, que desenvolve Soberana 02.

Esta é unha vacina conxugada de subunidade ─tradicionalmente moi seguras─ que combina o antíxeno do virus e o toxoide tetánico para estimular a resposta do sistema inmune. A porcentaxe de 62% obtívose a partir da análise intermedia dos resultados nos voluntarios aos que se lles aplicou dúas doses de Soberana 02 con 28 días de diferenza.

Vérez cualificou de "moi reconfortante" o resultado, porque se obtivo nun escenario de circulación "das variantes máis preocupantes pola súa trasmisibilidade". Tamén subliñou que estes resultados cumpren cos requisitos da Organización Mundial da Saúde (OMS) para considerar un candidato en estudo como unha "vacina eficaz". A eficacia mínima estabelecida pola OMS é de 50%.

Éxito sanitario e económico

A noticia chegou nun momento en que Cuba afronta o peor momento da pandemia e coa ameaza de novas variantes máis contaxiosas, aínda que desde o inicio da vacinación o número de contaxios diarios reduciuse á metade na Habana, o lugar con maior incidencia da Covid-19.

Do éxito cubano dependen non só os habitantes da illa, senón tamén moitos outros países en emerxencia sanitaria e con dificultades de acceso ás vacinas, como o Irán. Xamaica, Arxentina, México ou Venezuela mostraron tamén interese en adquirila.

É tamén un éxito a nivel económico, xa que a súa exportación poderá xerar a tan necesarias divisas nun país sometido desde hai seis décadas ao bloqueo por parte dos Estados Unidos. "Como Goberno non puidemos pór todo o financiamento que necesitaba este proxecto, e porén, este é un resultado de nivel mundial", declarou Díaz-Canel na presentación dos resultados en televisión.

comentarios