Comeza a épica e lírica vacinación cubana

Soberana 02 é unha e Abdala, como o poema épico de temática anticolonial escrito por Martí, a outra. Son as dúas primeiras vacinas, das cinco en total en marcha, que comezaron a ser inoculadas de maneira progresiva mais xeneralizada entre a poboación nas últimas horas. A medicina cubana atinxe un novo fito.
vacinas_BioCubaFarma
photo_camera Soberana 02 e Abdala serán as dúas vacinas inoculadas até agosto, mais outras tres están en marcha (Foto: BioCubaFarma)

Con tan só 15 anos, José Martí escribiu Abdala, un poema épico de resistencia ante unha potencia invasora, ambientado na histórica rexión de Nubia. "Noble caudillo: a nuestro pueblo llega; feroz conquistador: necio amenaza; si a su fuerza y poder le resistimos", son os tres primeiros versos.

A historia cubana é unha historia de resistencia. Martí, que ademais de poeta foi militante independentista, heroe da guerra contra a ocupación española, encarna ese espírito que se mantén vivo na actualidade fronte a outra potencia imperial, a maior do mundo no último século.

Tendo a tan só 90 millas de distancia ─as famosas 90 millas, uns 145 km─ os Estados Unidos, país que mantén un bloqueo económico sobre a illa desde hai seis décadas, Cuba foi quen de desenvolver e elaborar, non unha, senón dúas vacinas contra a Covid-19 por medios propios (ademais doutras tres en proceso de estudo).

Un parto épico, na liña das recoñecidas capacidades do sector biofarmacéutico cubano, bautizadas en consonancia: Soberana 02 ─o nome explícase por si só─ e Abdala, como o poema de 1869. As dúas, "vacinas conxugadas" de antíxeno e de proteína de virus. 

Orgullo sanitario

"Baixo estritas medidas de seguridade, organización, rigor e disciplina transcorre no país a intervención sanitaria aprobada polo Ministerio de Saúde Pública para aplicar o candidato vacinal Abdala a grupos e territorios de risco, con prioridade para os traballadores dese sector e para os estudantes de Medicina". 

Desta forma daba conta o periódico oficial Granma, na noite da cuarta feira (madrugada galega de onte), do inicio esta semana do proceso de vacinación en Cuba.

Cuarta feira que, non por casualidade, coincidiu co Día Internacional da Enfermaría. O Goberno, inclinado á conmemoración das datas simbólicas desde o triunfo da Revolución de 1959, non desaproveitou a efeméride para incidir nese aspecto que máis enche de orgullo a sociedade cubana interna e internacionalmente. 

"¡Por fin potente mi robusto brazo; puede blandir la ruda cimitarra; y mi noble corcel volar ya puede; ligero entre el fragor de la batalla!", clama o heroe Abdala, presto á loita contra o invasor, no poema de Martí. E brandindo as xeringas coa vacina Abdala, prestos á loita contra a Covid, os profesionais médicos cubanos iniciaron o proceso de inoculación co obxectivo de alcanzar 70% da poboación xa en agosto.  

De acordo co cronograma anunciado polo ministro de Saúde, José Angel Portal, na Televisión Cubana, o arranque será moderado neste mes de maio, cun obxectivo de 0,82%. A campaña, dirixida primeiro ás poboacións de risco (maiores de 60 anos), é chamada "intervención de saúde pública", dado que os ensaios clínicos das dúas candidatas a vacinas aínda non concluíron.

Ensaios sen concluír

A decisión por parte do Goberno de adiantar a inoculación é idéntica á adoptada por Rusia, pola China e pola India, onde os reguladores nacionais deron luz verde ás campañas de vacinación masiva antes de se completar a Fase 3 das probas clínicas. Esta fase garante a efectividade e seguridade dos fármacos nunha poboación moito maior que as dúas anteriores. 

O pasado 1 de maio, segundo informou na súa conta de Twitter o Grupo Empresarial BiocubaFarma, concluíu a aplicación da terceira e última dose correspondente á Fase III do ensaio clínico de Abdala nas provincias de Granma, Santiago de Cuba e Guantánamo a 48.000 voluntarios. 

As autoridades médicas prevén autorizar en xuño o "uso de emerxencia" ─a mesma designación dada na UE ás vacinas autorizadas─ para Abdala e Soberana 2.

Segundo Portal, as metas voantes na ascensión ao cume do 70% de agosto contemplan ter inoculado ─coas tres doses que requiren cada unha das dúas vacinas, que poden ser combinadas─ 22,6% da poboación en xuño e 33,5% en xullo. O maior salto, polo tanto, darase no último mes cando se teña esa autorización definitiva. 

Repunta récord

O impacto actual da Covid-19 na illa, co peor surto desde o inicio da pandemia, adiantou os prazos a esta semana logo de a comunidade científica da illa asegurar que as vantaxes para comezar xa a vacinación superan os riscos, xa que Abdala "demostrou ser segura e eficaz para xerar anticorpos".

Con 11,2 millóns de habitantes, Cuba acumula un total de 120.561 contaxios e 778 falecementos. No mes de abril déronse 17.362 casos, 12 veces máis dos que se producían en decembro. 

A relaxación das restricións aos visitantes desde novembro, a incursión da cepa surafricana e un cumprimento laxo das medidas de distanciamento físico e no uso da máscara entre a poboación propiciaron a repunta. Na pasada cuarta feira, Cuba rexistrou 1.207 contaxios, unha cifra récord.

Comentarios