Severo castigo electoral ao peronismo, que afronta semanas de tensión interna

A frustración da sociedade arxentina ante a falta de avances nas promesas sociais do peronismo no seu regreso á Casa Rosada en 2019 levou a coalición de Goberno a sufrir un duro revés nas PASO, as primarias para elixir os candidatos ás lexislativas de metade de lexislatura. Unha 'enquisa' moi certeira, do que está por vir, tamén en 2023.
frente_de_todos_PASO2
photo_camera Feche de campaña da FdT, con Fernández e Fernández no centro (Foto: Fronte de Todos / Twitter)

"Dura derrota do Goberno en case todo o país, que pon Xuntos polo Cambio (JxC, nas siglas en español) en carreira para 2023", titulaba esta segunda feira o diario Clarín (anti-kichnerista), un día despois da votación nas eleccións Primarias Abertas, Obrigatorias e Simultáneas (PASO) que se desenvolveron o domingo na Arxentina.

"Forte suba das accións arxentinas en Wall Street no premarket tras a derrota do Goberno", salientaba pola súa banda La Nación (conservador). E cun "Alerta amarela" titulaba Página 12 (progresista), analizando que "o manifesto nas urnas exixe rectificacións, melloras, realizacións, autocrítica en acción. O Goberno debe relanzar a xestión para mellorar a vida dos arxentinos".

As PASO son unha especie de enquisa ─mais oficial, tanxíbel  e moi certeira─ de cara ás lexislativas de dentro de dous meses. O 14 de novembro están en xogo 127 asentos dos 257 do Congreso e 24 dos 72 do Senado. 

Este sistema de eleccións primarias, inaugurado en 2011 para "a democratización da representación política, a transparencia e a equidade electoral", é unha forma de peneira. Ademais de designar que candidatos concorrerán ás parlamentarias, os partidos deben lograr un mínimo de 1,5% para non seren descualificados.

Pobreza e escándalos

O domingo, o peronismo recibiu un importante castigo, perdendo 1,2 millóns de votos con respecto ás presidenciais de 2019, un resultado que de se confirmar o 14-N significará a perda da maioría no Senado e que a dereita aumente a súa primacía no Congreso. Ademais, colocaríaa, tal e como destacaba Clarín, na pole da carreira pola Casa Rosada.

A Fronte de Todos (FdT), a coalición no Goberno arxentino, foi derrotada en 18 da 24 xurisdicións do país. Perdeu, entre estas, na provincia de Bos Aires, que suma máis de dous terzos de todo o padrón a nivel nacional. Ademais, JxC arrasou na capital, conservou as provincias chave de Córdoba e de Mendoza e gañou en territorios tradicionalmente peronistas como La Pampa, Tierra de Fuego e Santa Cruz, berce do kirchnerismo (o peronismo máis á esquerda).

Alberto Fernández, de perfil máis moderado, chegou en 2019 á Presidencia da man de Cristina Fernández. Daquela, a viúva de Nestor Kirchner púxose nunha posición non central para amortecer o rexeitamento visceral que xera no antiperonismo. Desta volta elixiu dar un paso á fronte na campaña ante a igualdade que vaticinaban as enquisas ─aínda que non esta gran vitoria da dereita─.

O pobo arxentino, con cotas de pobreza que se aproximaban a 40%, castigou en 2019 o entón presidente, Mauricio Macri. Mais a día de hoxe o nivel de pobreza alcanza xa 42%; a capacidade adquisitiva diminuíu en 10%; a recesión continúa (o PIB tamén caeu dez puntos en 2020); e a inflación (máis de 51% no último ano) non para de medrar. 

A todo isto sumouse a filtración aos medios de comunicación das fotos da festa de aniversario de Fabiola Yáñez, parella de Alberto Fernández, na finca presidencial de Olivos en plena corentena pola pandemia do ano pasado. 

De nada valeron os ultimísimos datos que apuntan unha lixeira recuperación económica e unha menor afectación da Covid-19 (a maioría da poboación agarda pola segunda dose da vacina).

Máis kirchnerismo

Agora, as análises políticas a un e outro lado do arco ideolóxico apuntan unha remodelación forzada dentro do Goberno, cunha maior implicación das vertentes kirchneristas como La Cámpora, formación cofundada por Máximo Kirchner, fillo de Cristina e Nestor. A presión interna que soportará o presidente Alberto Fernández nas próximas semanas será fortísima.

Neste sentido, a dereita tamén aposta por unha arelada e enésima división dentro do peronismo. Desde o final da ditadura, o peronismo unido tan só perdeu catro comicios: as presidenciais de 1983 (gañadas por Alfonsín) e as de 1999 (gañadas por De la Rúa) ─os dous, por certo, de ascendencia galega─, así como as lexislativas de 1985 e de 1997.

"Evidentemente algo non fixemos ben. Dos erros aprendemos", sinalou o domingo un compunxido Alberto Fernández. "Nada é máis importante que escoitar o pobo", engadiu na súa comparecencia desde a sede central da FdT, acompañado por Cristina Fernández, tamén visiblemente afectada.

Esta segunda feira, o xefe de Gabinete do presidente, Santiago Cafiero, sinalaba que "o peronismo ten que recuperar a rúa". Mentres que o alcalde de Ensenada, un dos poucos municipios da provincia de Bos Aires onde a FdT gañou, aseguraba: "Cando queremos agochar o kirchnerismo non nos vai ben, temos que facer unha análise; cando o kirchnerismo se pon en valor se gaña". 

O "fenómeno Vox" triunfa en Bos Aires 

Con 98,65% das mesas escrutadas, Javier Milei obtivo 13,66% dos votos e convértese en terceira forza na cidade de Bos Aires. Milei, un expoñente da ultradereita mediática, saltou á política activa cun discurso contra as elites ("ten medo, a casta ten medo", cantaba eufórico o domingo) que callou entre unha xuventude defraudada cos partidos clásicos. Máis de 861.000 persoas de 16 e 17 anos debutaron nas PASO. No polo oposto, tamén cun gran resultado, está a Fronte de Esquerda (FIT), que foi terceira a nivel nacional con máis dun millón de votos. A candidata a deputada Myriam Bregman salientou en 'Radio 10' que "é a mellor elección en 10 anos das PASO". Sobre Milei dixo que en Bos Aires "se está a ver un fenómeno moi parecido ao de Vox en España". "Nada bo pode vir para os traballadores desde un sector da dereita clásica que se radicaliza e suma coa dereita militar", sostivo.

Comentarios