Legalizado o aborto en Arxentina

O Senado votou esta madrugada a legalización do aborto até a semana 14.

 

Pañuelazo pola despenalización do aborto na Arxentina o 19 de febreiro de 2020 (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Pañuelazo pola despenalización do aborto na Arxentina o 19 de febreiro de 2020 (Foto: Europa Press).

Con 38 votos a favor, 29 en contra e unha abstención no Senado o aborto pasou esta madrugada a ser legal en Arxentina. As mulleres poderán a partir de agora interrumpir o seu embarazo de forma segura, gratuita e legal no sistema de saúde arxentino. 

A iniciativa fora enviada polo Goberno dese país ao Congreso xunto a outra coñecida como o Plan dos 1000 días, que protexe as mulleres embarazadas e os primeiros anos da infancia, que será debatida e votada na mesma sesión. Na sesión do Congreso, realizada hai dúas semanas, o resultado fora de  131 votos a favor, 117 en contra e seis abstencións. 

A anterior ocasión en que se votou a posibilidade de interromper o embarazo foi en agosto de 2018. Daquela por 38 votos polo non e só 31 polo si, o Senado arxentino rexeitou o proxecto para legalizar o aborto até a semana 14 que aprobara a Cámara de Deputadas e Deputados.

O proxecto sobre a legalización do aborto maniféstase de maneira transversal, separando a quen apoia a interrupción voluntaria do embarazo e quen se opón, sen distinguir entre posicións políticas

Arxentina rexíase por unha lei de 1921 que permitía abortar en caso de violación ou de perigo para a saúde da nai, pero nos feitos, en moitas provincias obstaculizábanse mesmo eses dous supostos autorizados, con nenas embarazadas que eran obrigadas a dar a luz. 

Comentarios