Unha morte non anónima

Afoga no Mediterráneo a gardarredes da selección de Gambia

Hai dúas maneiras básicas de medir o impacto mediático da morte. Con números ou con nomes. As grandes traxedias ou as persoas sinaladas. O Mediterráneo combina ambas.

Á esquerda, Fatim Jawara gardarredes da selección feminina de Gambia
photo_camera Á esquerda, Fatim Jawara, gardarredes da selección feminina de Gambia

Os mortos no Mediterráneo soen contarse por números e por millares. Máis de 4.000 no que vai de ano, segundo a OIM (Organización Internacional de Migracións).

Mais non transcenden os nomes, porque non son ninguén. Onte mudou o conto. Un nome e un rosto nas redes, logo nas axencias de noticias. Axiña a especulación sobre as razóns dese “back way”, o atallo, como o chaman.

O nome é Fatim Jawara. Idade, 19 anos. O seu rosto, o de gardarredes da selección feminina de fútbol da Gambia, coa que comezara a xogar en 2012 na sub-17. 

Afogada no mar Mediterráneo cando tentaba chegar á Europa nunha barcaza. Saíra en setembro, cruzando o deserto cara a Libia, de onde parte a maioría dos emigrantes africanos que fan a travesía até a Europa. 

Entre os 200 afogados só a ela se lle puxo face e nome. O resto, números.

A noticia foi confirmada por Chorro Mbenga, seleccionadora nacional adxunta Sub-18.  "A súa morte é prematura e imos recordala polas súas actuacións no terreo de xogo” dixo. Tamén o presidente da Federación Gambiana de Fútbol, Lamin Kabba manifestou no Facebook a súa consternación "Estamos desesperados. É unha enorme perda para a selección nacional e o país"  

A Gambia é un pequeno país con menos de dous millóns de habitantes e uns 10.000 kilómetros cadrados de superficie, pouco máis que a provincia de Lugo. É tamén o quinto país africano de onde saen máis migrantes para a Europa. A esperanza de vida media non chega a 60 anos; o promedio de fillos por muller, 5,20. Só o 40% da poboación está alfabetizada. Ocupa o posto 175 no Indice de Deseonvolvemento Humano.

De aquí saíron tamén máis de 3.000.000 de escravos para cruzaren outro mar camiño da América, primeiro capturados polos portugueses e despois polos ingleses.

De aquí saiu Kunta Kinte, personaxe histórica protagonista da novela Raíces, ascendente do autor, Alex Haley.

A pesar diso, do presente e do pasado, para o presidente da república, Yahya Jammeh, a culpa das migracións é das familias por “enviaren os fillos a intentar a perigosa aventura de cruzar o mediterráneo”

Curiosamente, mentres as xeracións máis novas emprenden “o atallo” cara a Europa, os europeos aterran con comodidade nun dos paraísos para turistas (referenciado como tal mesmo desde a páxina do comité español de ACNUR ) que buscan unha África relaxada, exótica e que brinda aos foráneos o que resulta inalcanzábel para os nativos. 

E todo baixo un lema: Gambia, non pasa nada
 

Comentarios