O 90% dos israelitas apoian a agresión a Gaza

Netanyahu e o exército teñen un abrumador respaldo da cidadanía na súa ‘ofensiva’ contra Gaza segundo enquisas da Universidade de Tel-Aviv ou do Canal 10. O pacifismo israelita, inerme. A oposición laborista afirma que de estar no goberno farían o mesmo.

gaza

Nove de cada dez israelitas xudeus (o 80% da poboación do Estado) apoian o que o seu exército está a facer en Gaza. Un respaldo sen fisuras (citada por El País en base a dados dunha enquisa do Instituto Pola Democracia da Universidade de Tel-Aviv,) á política de Netanyahu para Gaza. Nin as 1.300 persoas mortas nos ataques e bombardeos, nin as imaxes de nenos masacrados, nin o ataque indiscriminado a escolas, hospitais ou refuxios da ONU minguan o apoio a ‘Bibi’ (alcume de Netanyahu). O discurso de que “todo é Hamás” parece que dá resultado. Unha simple ollada ás redes sociais permite comprobar como contas persoais de cidadáns israelitas xustifican sen rubor a matanza de nenos porque son “escudos humanos de Hamas” ou “futuros terroristas de Hamas”.

O goberno de Netanyahu tivo a súa mellor valoración (8 sobre 10) o día en que comezou a intervención en Gaza

A enquisa anteriormente citada indicaba que a mellor cualificación obtida polo goberno israelita (oito sobre dez) foi o día en que comezou a ofensiva terrestre en Gaza. Noutra sondaxe, tamén citada por El País, a do Canal 10, un 85% dos enquisados e enquisadas din estar “satisfeitos ou moi satisfeitos” de como Netanyahu está a liderar o país.

Sen voces críticas

As imaxes de israelitas asistindo desde cadeiras en outeiros ao bombardeo de Gaza como se dunha película se tratase, as declaracións de deputados do Parlamento israelita xustificando mesmo a violación de familiares de militantes de Hamas, a insensibilización dunha gran parte da sociedade israelita a respecto d@s palestinos...apenas xera debate en Israel. Neste ataque actual o pacifismo está inerme. Apenas é quen de xuntar uns centos de persoas contra o masacre en Gaza. A cifra de soldados ou reservistas que se negan a combater é baixa en comparación con ‘Chumbo fundido’ (2008) a 'operación' que tamén matara centos de civís en Gaza hai seis anos. E as voces e opinións críticas nos medios hebreos co actuar de Israel son máis que minoritarias. Nada desde logo en comparación cos postulados contrarios.

A cifra de soldados que rexeitan participar nesta agresión militar a Gaza é moito menor que na 'operación 'Chumbo fundido' de 2008

O Horror que apoia o centro-esquerda.

De feito, as principais críticas a Netanyahu veñen da extrema-dereita, que pide directamente aniquilar Gaza. A oposición laborista (definida nunha época como de centro -esquerda) recoñeceu por boca do seu lider Isaac Herzog que faría respecto a Gaza o mesmo que está a facer Netanyahu.

Tan só o Partido Comunista e as formacións de árabes israelistas teñen o valor de denunciar e criticar o que está a pasar e falan de masacre e de “crimes de guerra”. Na mesma liña, colectivos libertarios están a impulsar iniciativas na rúa de denuncia activa do “fascismo sionista”, o que lles custou enfrontamentos con ultras ortodoxos e varios activistas detidos.

Unha sociedade que presume de moderna e occidental en tantos aspectos é quen de xustificar matar crianzas en refuxios da ONU

Mais son pequenos oasis, moi pequenos, nun deserto de insensibilidade nunha parte importante da sociedade israelita sobre os efectos e consecuencias do ataque do seu exército a Gaza. "É unha guerra contra o terrorismo" é a palabra de orde partillada por medios, opinadores e gran parte da cidadanía, á par que "é unha guerra para evitar que destrúan Israel".

Noutrora, historiadores israelitas como Benny Morris ou Ilan Pappé tiveron o valor de denunciar en voz alta da política de "limpeza étnica" de palestinos por Israel. Un valor que semella que xa non existe hoxendía en Israel.

Comentarios