"Escocia tería de ser un país independente, si ou non"

O Goberno escocés do SNP acaba de aceitar que a Comisión Eleitoral para o Referendo imposta por Westminster mude a pergunta do referendo programado para 2014. O corpo eleitoral escocés deberá responder esta pergunta: "Escocia tería de ser un país independente, si ou non?".
SNP
photo_camera SNP

A Comisión Eleitoral para o Referendo determinou hoxe que a pergunta debería ser o máis sinxela posíbel. Cae así o encabezamento "está vosté de acordo con..." que figuraba ao comezo da primeira versión que manexou o Executivo escocés.

A pergunta terá de ser aprobada en Marzo polo Parlamento de Escocia, como parte integrante da Lei de Referendo.

Na cámara dispón de maioría absoluta o Scottish National Party.

A Comisión Eleitoral para o Referendo non é un órgao escocés, mais si criado polo Parlamento de Westminster. En círculos nacionalistas escoceses considérase unha concesión do primeiro ministro de Edimburgo, Alex Salmond, a David Cameron.

A Comisión Eleitoral xulgou que a redacción orixinaria da pergunta -encabezada por "está vosté de acordo con..."- non era neutral, por favorecer máis o voto positivo do que o negativo (ao estar mellor visto estar de acordo con algo do que en contra, segundo a interpretación deste órgao).

Comentarios