Pardo de Cela, debate aberto

O movemento das irmandades foi unha ben organizada mobilización contra a aristocracia rebelde, lexitimada pola autorización do rei.
Escudo de armas Pardo de Cela e de Sabela de Castro, procedente do Castelo da Frouseira e depositado no Museo de Lugo.
photo_camera Escudo de armas Pardo de Cela e de Sabela de Castro, procedente do Castelo da Frouseira e depositado no Museo de Lugo.

Nun estado de guerra civil da maior parte da nobreza e o clero contra Henrique IV, as irmandades galegas constituíron o seu principal soporte e neste reino neutralizaron ata tal punto os nobres anti-lexitimistas que algún deles, constrinxidos polo mandato rexio, optaron por afiliarse á Irmandade, evitando así incorrer en delito de lesa maxestade e coidando poderen salvar as súas fortalezas, que de todas formas lles foron derrocadas. Tal foi o caso da condesa Tareixa de Zúñiga e do seu fillo Bernardino Sarmento; de Álvaro Pérez de Moscoso, “señor poderoso” de Santiago, membro destacado desa liñaxe, ou do conde Álvaro Páez de Soutomaior.

De Pardo de Cela non temos constancia no mesmo sentido, mais non semella necesaria, pois a súa parcialidade en favor do rei (é dicir, a carón das Irmandades) queda fóra de dúbida. Tamén o está, dende logo, que tal belixerancia se explica polos seus propios intereses, como non podía ser doutra maneira. Con estas matizacións, non é nada disparatado soster que, moi probablemente, Pardo de Cela estivo, polo menos nunha primeira fase, no bando das Irmandades, que por outra parte, segundo nos consta, a xeneralidade dos nobres e fidalgos abandonaron cando Henrique IV aceptou a humillante capitulación, en 1468, fronte aos partidarios da súa medio irmán Isabel a Católica.

Despois, falecido o monarca en 1474, Xoán de Viveiro atopábase nunha posición extremadamente favorable, moi próxima aos Reis Católicos, e tiña por iso fundadas esperanzas de recuperar a xurisdición sobre Viveiro. En efecto, en 1476 os novos monarcas (aínda non rematada a guerra contra Xoana) cesaban dos seus cargos ao Mariscal e concedíanlle a el o señorío sobre a vila.

Outras disposicións posteriores sumaron agravios e precipitaron o choque aberto do Mariscal contra a Monarquía. No coñecido e tráxico desenlace, non pode ser irrelevante o feito de Xoán de Viveiro estar casado con María de Acuña, nada menos que madriña na voda de Isabel con Fernando, en 1474, e no palacio que a familia tiña en Valladolid foron acollidos os recentemente casados mentres durou a guerra que lle deu o trono a Isabel.

María de Acuña resultaba ser irmá de Fernando de Acuña, quen precisamente fora xa nomeado Xustiza Maior ou Vicerrei de Galicia polos reis en 1480 e expresamente reenviado con plenos poderes en 1483 para resolver o contencioso co Mariscal, cuxa memorable execución, cumprida ese mesmo ano na praza de Mondoñedo, ordenou, xunto con García López de Chinchilla. Con el –é xusto non esquecelo– foron tamén executados algúns outros membros do seu círculo. Non hai certeza de que un deles fose o seu propio fillo, Xoán Núñez Pardo, mozo aínda, mais si que nos consta a do cabaleiro Pedro de Miranda, parente do Mariscal.

A magnitude do acontecemento daba motivos para que a lembranza se mantivese ao longo dos séculos, así como para que, salvando a distancia do tempo, fose obxecto de lecturas alongadas das circunstancias concretas que o provocaran e adaptadas a inquietudes do presente. Precisando a exactitude histórica, non é nada que deba sorprender nin motivo de alarma. Acontece en toda parte e non por iso suscita esforzos desmitificadores.

Por poñer un par de exemplos bastante semellantes e tocante á Monarquía Hispana: en 1521 foron decapitados os dirixentes do movemento comunero castelán, convertidos logo en mártires do castelanismo e a data instituída como Día de Castela. En 1568, na praza central (Grande Place) de Bruxelas, correron igual sorte os condes de Egmont e de Horne, símbolos do nacionalismo holandés fronte a España. A penas hai discusión sobre ambos casos. A historia de todos estes episodios (incluído o do Mariscal en Galicia) é complexa, pero os efectos que tanto no seu momento como nos posteriores chegaron a provocar forman tamén parte da historia.

Máis en Información do Reino
Comentarios