A Xunta gastará 3.800.000 euros en tres campañas publicitarias

A Xunta vai contratar unha campaña publicitaria da Consellaría de Sanidade de protección e promoción da saúde e informacións ao cidadán por 1.944.470 euros. Súmase ás novas contratacións   da campaña de Industria de 1.400.000 e a de promoción da natalidade de 331.656,00 euros. 

A publicidade non sofre recortes na Xunta e, neste momento, tres consellarías anuncian campañas de promoción, con insercións en medios de comunicación como principais partidas, por un total de 3.800.000 euros. 

Desde a Consellaría de Sanidade está aberto o procedemento para a contratación dunha campaña de protección e promoción da saúde e informacións ao cidadán na que gastarán 1.944.470 euros. No Parlamento, o BNG a través da súa deputada Montse Prado cualificou de “escándalo e despilfarro” a campaña nun tempo no que a sanidade vive un momento dramático polos recortes que promove o PP e pediu a paralización inmediata da campaña e que o seu orzamento fose dedicado á mellora dos recursos da Sanidade Pública. 

Para promocionar “A economía de Galicia como principal impulsora do desenvolvemento e emprego dunha terra recoñecida como “Galicia Calidade” en tres eixes; internacionalización, investimento e emprendimento”, a Consellería de Industria iniciou o procedemento para a contratación dunha campaña por un importe de de 1.157.024,79 euros ao que compre engadir 242.975, 21 E en concepto de IVE. O grupo nacionalista reclamou tamén a paralización inmediata da campaña, desta volta a través da deputada Carme Adán por se tratar dun  “ser un sen sentido e fóra de toda lóxica deixar caer o sector industrial galego ao tempo que se fai autobombo para conseguir publirreportaxes nos xornais”.

A Xunta engade aínda un contrato de 331.656,00 € para unha campaña publicitaria de sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia. 

Comentarios