Vida de Aldea, alugueiro de terras para consumir o que se cultiva

O proxecto “Vida de aldea” naceu dunha explotación leiteira que se mantiña na casa durante varias xeracións. 

Vida de Aldea
photo_camera Vida de Aldea

Do que partía Xosé Ramón Rodríguez Iglesias á hora de deseñar "Vida de aldea" era da propiedade das construcións e a terra na que se instalaba a explotación leiteira na que xa traballaban seus avós. En total, dez hectáreas para cultivos e outras tantas de monte forestal. Despois de amañar as instalacións, con vistas a darlle rendibilidade no futuro, deseñou un proxecto polo que reservaba 5.000 metros de terra para partillar en hortas particulares co fin de alugalas a quen quixese producir os seus propios alimentos e non tivese terra en propiedade.

“A idea era facer un proxecto de desenvolvemento rural que fixera viábel a explotación e que permitise implicar aos consumidores na produción dos seus propios alimentos, eliminando intermediarios e producidos coas normas da agricultura ecolóxica”, comenta Xosé Ramón Rodríguez dunha iniciativa que naceu hai por volta de tres anos no concello de Outeiro de Rei.

Á hora de poñerlle nome non tivo demasiadas dúbidas. Quería que a palabra “aldea” aparecese, para se gabar duns valores que el defende como o amor á terra, á natureza e a solidariedade entre persoas. “A crise perpetua do sector lácteo levounos a pensar en algo distinto. Amañamos a explotación e  puxemos en valor aquilo que tiñamos, as construcións, integrando ben todo o  conxunto e confiando en que un día dera resultados. O tempo foi pasando e un día decidín montar na nosa terra un modelo similar ao das hortas urbanas para o que creei a marca “Vida da aldea”, para reivindicar o rural desde o propio nome”, explica o promotor da iniciativa.

“Todo iso é só un aporte extra que nos dá á explotación. Temos 15 vacas que muximos todos os días, mañá e noite. Pola mañá levámolas ao prado e recollémolas á noite”

Con esa idea, os 5.000 metros destinados ás hortas en parcelas de dez por dez e a cada unha dotounas dun pequeno invernadoiro de doce metros. Quen alugue unha delas contará con todos os servizos para a súa explotación, desde auga até abono procedente da propia explotación. Arestora, unhas doce desas pequenas fincas están alugadas, en especial a persoas de Lugo que veñen a Outeiro a sementar e recoller os seus propios alimentos.

En Outeiro, coa casa de Manuel María 

“Fundamentalmente quen aluga as parcelas é xente de Lugo que tivo algunha vez acceso á terra e agora non ten. Polo xeral é xente que non sabe traballar o agro mais despois dun primeiro ano vai aprendendo e vanse facendo autónomos”, explica Xosé Ramón Rodríguez, enxeñeiro agrónomo que despois de rematar os estudos decidiu ocuparse da explotación familiar. 

Cando comezaron co alugueiro de parcelas, comezaron tamén a aparecer visitas para coñecer a explotación, alugar espazos para cursos ou mesmo para festas. Nas instalacións de “Vida da aldea” fixéronse xa dúas celebracións de casamentos mais iso non tira a que a explotación siga funcionando coma sempre, sen imposturas que a poderían converter nun escenario.  Un profesional de agricultura ecolóxica, que ten unha horta alugada, imparte aulas nas propias instalacións, cedidas para que as propias persoas usuarias tamén se formen no traballo do agro. “Todo iso é só un aporte extra que nos dá á explotación. Temos 15 vacas que muximos todos os días, mañá e noite. Pola mañá levámolas ao prado e recollémolas á noite”, anota. 

“Vida de aldea” recibe visitas de colexios e gábase da conservación das súas instalacións e dos impresionantes carballos que medraron nas súas terras. Entorno extraordinario que promocionan para que cando as persoas que alugan a terra vaian traballala aproveiten a xornada de lecer no singular entorno natural. Gábase Xosé Ramón Rodríguez, da singular ruta que agora ofrece Outeiro de Rei e na que "Vida de aldea" tamén se ten convertido en parada agradecida. "Ás veces veñen aquí as excursións escolares despois de visitar a casa de Manuel María e poden tamén ir ao obradoiro de instrumentos tradicionais de Xaneco Tubío que está aquí ao lado ademais doutras propostas artesanais que hai nos arredores", propón. 

Comentarios