A lexislatura en que Feijóo incumpriu o discurso de investidura

Promesas como crear emprego, desenvolver o Estatuto, mellorar os servizos públicos, incentivar o diálogo e mesmo defender os “usuarios de produtos financeiros" ficaron en papel mollado


 

Alberto Núñez Feijóo, que aínda estaba a asumir a súa inesperada vitoria nas urnas, presentouse hai tres anos e medio perante o Parlamento de Galiza nunha sesión de investidura cuxo discurso estivo cheo dos habituais lugares comúns mais que, a pesar de que entre liñas suxería un fondo programa ideolóxico dereitista, prometía diversas frontes de actuación que o paso do tempo demostraron como falsas. Hai uns meses, Sermos Galiza fixo unha escolma das palabras do presidente da Xunta na presentación do seu programa de goberno en sede institucional, analizando o cumpriento delas e comprobando até que punto ficaron sen se desenvolver.

“Non vimos restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores”. A pesar das evidentes diferenzas, a Xunta de Feijóo recolle boa parte das políticas dun fraguismo do cal a maioría dos actuais dirixentes formaron parte, en distintos niveis. Ademais, o derrubamento da obra que deixara o bipartito foi o principal cometido do seu goberno, constantemente instalado nun labor de oposición desde o poder. Un exemplo foi (entre outros moitos) a anulación polo goberno de Feijóo do concurso eólico do anterior executivo, que vén de ser considerada polo TSXG unha desviación de poder, isto é, a instrumentalización da lei para fins propios. A sentenza publicada o pasado mes de xullo carrexará importantes indemnizacións patrimoniais a favor da empresa demandante e podería incorrer en responsabilidades penais para varios membros do goberno da Xunta.  

“Presentamos un programa de acción que supere os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas”. Como é marca da casa, o PP apúntase a ese “fin da historia” que se traduce como final das ideoloxías a favor dun tecnicismo que só busca ocultar a realidade das alternativas. Trátase da habitual retórica do neoliberalismo, evidente adscrición política desta Xunta. Mais Feijóo e o seu gabinete impulsaron políticas cunha forte adscrición ideolóxica, quer desde o españolismo (contra o idioma galego, por exemplo), quer desde o neoliberalismo (privatizacións de servizos públicos e universais)

“Queremos avanzar cara a unha sociedade na cal a igualdade entre os homes e as mulleres sexa realidade”. Á Xunta de Feijóo non se lle coñecen accións en prol da igualdade, de feito, xa dous días despois do discurso de investidura formou unha equipa de goberno que non contemplaba a paridade de xénero.

“Este goberno regulará os procedementos de contratación e selección de persoal”. As irregularidades nas oposicións foi unha constante dos primeiros anos do regreso do PP a San Caetano e foi motivo de polémica en varias sesións parlamentarias. Agora xa case non se convocan.

“Farei un goberno forte, austero, cohesionado en torno a un único liderado”. Certo é que Feijóo exerceu liderado á fronte da Xunta, só que ao prezo de se rodear duns conselleiros de perfil moi baixo, que nin sequera foron reclamados por Rajoy cando chegou á Moncloa máis que para o segundo chanzo. A austeridade converteuse nunha arma de propaganda fundamentada en pequenos detalles (coches oficiais, soldos...), entrementres se manteñen dispendios como as enormes subvencións á prensa afín.

“O goberno tamén será dialogante e para todos, non só para os que nos votaron”. Agás nos días do Prestige, nunca foi tan protestado na rúa un goberno galego como o está a ser este de Feijóo. Os consensos parlamentarios acadados foron mínimos e de pouca relevancia. A iso engadiuse a 'falcatruada' da redución de deputad@s como ferramenta para primar as circunscricións con maior apoio electoral ao PP 

“Os galegos merecen un goberno que non minta”. A pesar dos apoios mediáticos, foron escasas as ocasións en que a Xunta do PP asumiu a súas responsabilidades na crise, optando sempre de xeito automático por botar balóns fóra, principalmente sobre o goberno anterior ou o central cando este era presidido por Zapatero. 

“O principal problema que ten Galicia é o incremento do desemprego. Faremos un plan autonómico para a lexislatura, buscando facilitar a inserción laboral dos desempregados”. Con Feijóo, que ten relevantes competencias nese eido, o desemprego alcanzou en Galiza o seu teito histórico, cunhas 270.000 persoas afectadas, nun ritmo de destrución de postos de traballo que supera a media estatal.

“Necesitamos unha importante mellora nos servizos públicos”. Feijóo desde a Xunta, agora acompañado de Rajoy desde Madrid, está a abrir un inédito proceso de deterioro e privatización dos servizos públicos, nomeadamente educación e sanidade.

“Cómpre dar unha importante resposta aos dependentes, que foron vítimas dunha lei da decepción. Temos 90.000 deles á espera das nosas respostas”. Dependencia é un dos apartados que peor parados saen dos recortes do PP. Nese eido, camiñouse cara a atrás. Sábeno ben as 15.000 mulleres que atendían na Galiza persoas en situación de dependencia e que viron como se lles retira a prestación.

“Enfrontámonos a un reto, o da normalización lingüística, o de recuperar o consenso e trasladar ás aulas a cordialidade lingüística”. Unha das poucas promesas que Feijóo si materializou foi a de derrogar o decreto da lingua para se converter no primeiro presidente da Xunta que rebaixaba a presenza do idioma propio no ensino. A suposta cordialidade só significou menos espazo para o galego e multitudinarias protestas.

“Impulsaremos unha política de ordenación do territorio que contribúa a poñer en valor o noso medio ambiente”. Talvez sexa na despreocupación pola riqueza ecolóxica de Galiza onde Feijóo é máis idéntico aos gobernos de Fraga. Ataques á Rede Natura ou a permisividade co cemento na costa son só dous exemplos dunhas políticas criticadas decote pola oposición e en diversos movementos.

“Concentraremos nun Igape renovado a xestión e coordinación de todas as axudas vencelladas ao desenvolvemento empresarial de Galicia”. O director do Igape foi obrigado a dimitir despois de que o seu nome aparecese nun escándalo de axudas ilegais, dentro da Operación Campeón.

“Este goberno pensa reforzar o compromiso das caixas galegas co país, en especial o desenvolvido a través da súa obra social en tempos de crise, pero tamén no que se refire ao seu tradicional compromiso cos proxectos empresariais galegos”. As caixas galegas, a súa obra social e o músculo financeiro do país desapareceu con Feijóo en Monte Pío. Tivo unha oportunidade dourada para crear unha banca pública, mais preferiu pregarse aos especuladores e aos intereses privados. 

“Estaremos atentos na protección dos consumidores galegos de servizos financeiros, un campo en que os consumidores se atopan particularmente indefensos”. Continúan as manifestacións e actos de protesta dos afectados pola estafa das opcións preferentes das caixas galegas, que afectan a máis de 90.000 persoas e perante o que Feijóo lava as mans.

“Non seremos cómplices co ministerio de Fomento de máis atrasos coas infraestruturas galegas”. Feijóo asinou con José Blanco o chamado 'Acordo do Obradoiro', que, como anunciou daquela o BNG, quedou en papel mollado. A Alta Velocidade tardará moitos anos máis.

“A loita contra os incendios forestais será unha das principais preocupacións, cunha política seria de prevención”. Milleiros de hectáreas arden con Feijóo na Xunta, moitas delas dun valor ecolóxico único. Porén o goberno do PP recortou uns 22 millóns de euros en prevención. Aliás, impulsou a privatización encuberta no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais.

“Queremos unha reforma da administración buscando o máximo consenso cos representantes dos traballadores públicos”. Os funcionarios levan meses convocando masivas manifestacións contra os recortes e as novas normas impostas pola Xunta.

“Presentaremos unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de autonomía”. Coa escusa da crise, Feijóo xa anunciou que renunciaba a calquera mínimo avance nun cativo autogoberno que, no fondo, o PP xa considera excesivo.

“Imos camiñar cara a un corpo propio de policía autonómica”. A policía galega segue sendo unha conta pendente pola que esta Xunta non amosou ningún interese. De feito, o PP impediu en Madrid o traspaso das competencias de Tráfico, que suporía un avance para a súa creación.

“Apostaremos polo asociacionismo entre concellos, paso previo ás fusións”. Alén de manobras propagandísticas, todo indica que Feijóo esgotará a lexislatura sen ningunha unión de concellos da cal presumir ou con que desviar a atención.

“Reformaremos a CRTVG e converterémola nun medio obxectivo e de calidade”. Unha reforma que abre a porta á privatización, alén dun ambiente de carraxe entre as persoas traballadoras define a etapa deste goberno a respecto duns medios públicos cuxos servizos informativos son constantemente criticados pola súa tendencia gobernamental.

“Traballaremos para reformar o Senado e convertelo en Cámara de representación territorial”. Nunca máis falou deste tema.

“Deus Fratesque Gallaecia”. Do antigo berro irmandiño con que Feijóo trampeou no final do seu discurso só foi visíbel a súa vertente máis relixiosa. A Xunta, adicta á axenda de conmemoracións católicas, fracasou cunha custosa visita do Papa que apenas congregou visitantes.

Comentarios