Sen supersticións, chega o número 13 de Sermos Galiza!

O décimo terceiro número do Sermos arrinca cunha ampla análise do panorama político e electoral que nos atoparemos de cara os comicios do vindeiro 21 de outubro.

Trece números do Sermos Galiza en papel que nos achegan esta semana á realidade da frota galega á que se lle impediu faenar nalgúns dos seus caladoiros tradicionais. Analizamos a situación e arrimamos respostas. Asemade, na sección de deportes, falamos con Juan Saavedra, arqueiro que compite nas Palaolimpíadas de Londres'12.

Na sección de comarcas achegámonos á Feira Franca de Pontevedra que terá lugar os días 30 de agosto e 1 de setembro. Aliás, Xurxo Martiz entrevista á escritora S. Mangini, autora do primeiro libro en inglés sobre Maruxa Mallo e da man de A. Ramos descubrimos a libraría reinventada de Rinoceronte Editora afincada en Cangas. En social, analizamos os recortes na axuda a persoas dependentes e coidadoras, unha realidade diaria golpeada con dureza polas políticas neoliberais e a manida austeridade. 

Na crítica literaria, Mario Regueira fala de “En vías de Extinción” o último libreo de María Reimóndez e en música, descubrímosche “Tentemozo” o último disco de Os Cempés, a resurrección máis agardada deste grupo.
Na tradicional sección de deseño, Lola Dopico amósanos que os zocos tamén poden ser 'trendy' e viaxamos pola zona de Goián en Andando a Terra, marabillándonos do que nos queda por descubrir no país.

Okapi lévamos neste número a Euskal Herria da man de Pirritx, Porrotx eta Marimotots. Na crítica de cinema J. Corou fálanos de Hodejegeme, a última achega do cinema negro feito no norte de Europa. Asemade, nas páxinas de internacional recollemos o berro do pobo maia contra unha empresa hidroeléctrica, propiedade dun galego, que viola os dereitos humanos en Guatemala.

Na contra deste número trece, entrevistamos a Xulio Balado titiriteiro e fundador da compañía Viravolta.

A que estás agardando, subscríbete!

Comentarios