15 MIL PERSOAS, A PROL DA ACTIVIDADE PRODUTIVA BáSICA DO AGRO GALEGO

Masiva mobilización do sector lácteo

Reclaman á Xunta que actúe de urxencia e asuma as súas responsabilidades nunha "crise histórica" que está a afogar o rural galego. E advirten a Consellería: "Isto é o principio, non o final". Os organizadores cifraron a asistencia en máis de 15.000 persoas. 

manifestación sector lácteo
photo_camera Máis de 15.000 persoas dirixíndose á Quintana

Miles e miles de persoas - máis de 15.000, segundo a organización- protagonizaron esta sexta feira unha multitudinaria manifestación en Compostela para exixir da Xunta compromisos e medidas activas para atallar unha crise que "é unha verdadeira hecatombe para o rural deste país", en palabras de Xosé L. Rivas, ´Mini´, alcalde de Boimorto. 'Pola economía do rural. Loitemos polo sector lácteo' poñía na faixa portada por membros de organizacións agrarias e colectivos que integran a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego. Das perto de 10.000 explotacións que hai en Galiza a case 3.000 estáselle a pagar o leit a 26 céntimos o litro e a 541 a 0,20. Prezos por baixo dos cutos da produción. En Galiza a media é de 0,28, a máis baixa de todo o Estado.

manifestación sector lácteo

Unha mobilización histórica, na que tomaron parte milleiros de gandeir@s e tamén centos de persoas sen ligazón directa con este sector mais que quixeron defender man con man cos gandeiros unha actividade chave para o futuro de Galiza. O paso da mobilización pola Avenida de Lugo ateigou dous carriles da estrada, embotando a entrada na zona vella por Concheiros. Unha riada de xente que demandou solucións a un porblema "que é de todos os galegos, porque sen gandeiros, sen leite, non pode entenderse Galiza", afirmaba José Antonio, de Mazaricos, unha vila que ben se deixou ver e sentir nesta mobilización. Ao igual que outras, de Lalín a San sadurniño, de Chantada a Mesía, entre moitas outras.

Xurxo Álvarez (Fruga) cualificou de "moi grave a situación" e instou á Xunta a "poñer orde", ao tempo que explicaba que "hai que garantir a recollida do leite e un prezo mínimo, iso é o importante, o resto son palabras". Isabel Villalta (SLG) dixo que a situación era "insostíbel" e "extrema", agradeceu "o apoio da sociedade a este sector" e instou á administración a adoptar "medidas xa". Por Unións Agrarias, Roberto García aclarou que "os gandeiros non somos os culpábeis" e acusou a Xunta e goberno central "de querer, desde o minuto cero, negar o problema".

manifestación sector lácteo 2

Unha crise que só golpea a Galiza

O alcalde de Boimorto e impulsor da fronte de rexedores en defensa do sector lácteo, falou de "hecatombe" que se está a vivir no rural e mandou unha mensaxe: "isto -a manifestación- non é un final, é un principio" se o problema non se soluciona. Un problema que se está a dar "só en Galiza", polo que o goberno galego non pode escorrentar as súas responsabilidades nin optar por non actuar. Antón Sánchez (AGE) pediu, neste sentido, unha actuación decidida, Besteiro (PsdeG) reivindicou "unha solución política" e Xavier Vence (BNG) asegurou que "precisamos outras políticas, totalmente distintas ás actuais, para o rural".

Na manifestación, faixas e consignas exixían prezos dignos para o leite e denunciaban o desleixo e pasividade da Xunta de Galiza. "Estamos fartos, non resignados, que non se confunda a señora conselleira", aclaraban. 

mani sectio lacteo

"Nos matadoiros xa non caben máis vacas para matar"

A situación é grave. Confírmano Olga e Manolo, de Mesía, e que teñen un irmán cunha granxa con 300 vacas. Neste caso o problema non é tanto o prezo, como que desde a industria que llo recolle dixéronlle que a cantidade que lle collían ían recurtala en 1.000 litros menos cada día, ou sexa, 30.000 litros menos ao mes. Ante isto, optou por se desfacer dalgunhas das vacas que tiña, polo que foi ao matadoiro. "Alí dixéronlle que non podían collerllas porque non daban abasto, estaban saturados". 

Manuel veu desde a parroquia de San Pedro de Viana (Chantada). Xa é maior e está xublado, mais recoñece que "lévame a alma ver como se paga a 20 céntimos o litro de leite". "Non cubre nin os custos, así non se pode vivir e hai que pechar, claro, que se vai facer?".

Daniel, da Estrada, ten unha granxa con 34 vacas e páganlle o leite a 23 céntimos. Fala indignado de como as industrias compran barato leite aquí para comercializar a bo prezo como 'asturiano' e de como se está a "mallar" no gandeiro en aspectos como o leite en pó.

sector lácteo

Fin das cotas

Dolores vén desde Tabeirós. Muller de gandeiros, nai de gandeiros e filla de labregos, enfatiza con orgullo. REcoñece que non pode falar deste tema sen que "no estómago me ferva algo". Insiste que a fin das cotas supuxo, "contra o que nos dicían estes paspáns do gobernod e aquí", un escenario no que os prezos comezaron a correr cara abaixo, "a ver quen pagaba menos". Pregúntase porque este problema acaba "tan pronto pasas o Cebreiro. Nin en Castela, nin en Asturias, nin en Cantabria, nin os vascos... Só pasa aquí. E a Xunta sen mover un dedo". 

Esta sexta feira foron miles e miles de persoas as que percorreron a capital de Galiza -o país do millón de vacas, que escribira Rivas- para defender o sector lácteo e, con el, o fururo do rural galego e de Galiza. Anxo, un neno de 8 anos, ía orgulloso da man do seu pai. Na outra man, un folio escrito: "Non quero ter que marchar da Veiga".

Comentarios