sábado 04.07.2020

Ordes: atacan o monolito en lembranza a Ramiro Recouso, concelleiro do BNG recentemente falecido

Unha mesta capa de pintura verde lixa o monumento. O Concello condena “enerxicamente” o que cualifica de “vandalismo” e o Bloque afirma que “ninguén manchará a figura do noso compañeiro”.

Ordes: atacan o monolito en lembranza de Ramiro Recouso

Ramiro Recouso Liste finou a finais do pasado mes de outubro en Ordes, onde vivía desde cativo. A súa morte xerara un profundo pesar na vila, onde era moi coñecido e onde foi un dos líderes do nacionalismo, sendo durante varios mandatos edil e portavoz do BNG. Como homenaxe dos seus veciños, un monolito coa silueta do seu rosto e a lexenda 'O pobo de Ordes en recoñecemento do seu veciño, Ramiro Recouso' figuraba no paseo fluvial, ao que tamén se lle deu o nome do concelleiro falecido.

Ese monolito de lembranza foi atacado estes días por un ou varios descoñecidos, que tinguiron dunha mesta capa verde o monumento, acto que xerou a condena e a indignación da veciñanza e do propio Concello. Desde o BNG de Ordes manifestouse que os responsábeis do ataque “non conseguirán manchar a figura do noso compañeiro e amigo”.

Ameaza por carta

Cómpre lembrar que o pasado mes de xuño, Ramiro Recouso desvelaba nas redes sociáis que o número dous da candidatura e concelleiro electo, Pablo Vidal, recibira unha carta na que se lle recomenda que abandone o partido polo ben do seu futuro profesional e da súa familia. A carta anónima e escrita en español, cargaba contra Recouso ao que acusaba de “fanatismo político”.

comentarios