Unha ollada Afondo a un Ferrol en situación límite

Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor da realidade socio-económica que atravesa a cidade de Ferrol. Un territorio no limiar da emerxencia social á que as administracións non son quen de facer reaxir. Xa podes mercalo na nosa loxa. 

capa

Coordenado polo xornalista X. Lorenzo Sermos Galiza edita máis un caderno A Fondo en que nos debruzamos sobre a cidade de Ferrol. Entre o despoboamento e o desemprego, Ferrol perde un milleiro de habitantes cada ano e mantén unha taxa de paro próxima ao 32%. Cos dados na man, explica Lorenzo, "Ferrol é unha cidade insostíbel" de non se adoptaresn as medidas precisas con carácter de urxencia. 

Nestas 8 páxinas explicamos as razóns que levaron esta cidade naval á decadencia. A comezar polo fracaso da re-industrialización e unha manchea de promesas incumpridas que deixan o principal sector produtivo da comarca nunha situación límite. Sen contratos para os estaleiros públicos nen alternativas de diversificación para o tecido industrial, a clase traballadora ferrolá non pode máis, como reflicten as sucesivas campañas e mobilizacións sociais en que exixen solucións para a comarca. 

Da man do ensaísta Francisco Rodríguez extrapolamos a realidade de Ferrol como "metáfora avanzada de Galiza" e da súa destrución froito do impacto que teñen na súa economía o deseño español e europeo. 

Ferrol sitúase entre o despoboamento e o desemprego nunha vila que, noutrora, só os estaleiros de Astano e Bazán ocupaban directamente a 16.748 persoas

Así mesmo, co enxeñeiro e economista, Ramón Yáñez, conversamos sobre o escenario post-veto á construción naval civil nos estaleiros de Navantia Fene. Yáñez amósase certo de que de nada servirá o fin das prohibicións se non se crean as concicións para facerse un oco no competitivo mercado da construción off-shore. E, neste senso, afirma, "Navantia non está a mover un dedo para preparar o escenario en Astano". 

Mais a situación que atinxe Ferrol non fica só no eido socio-económico. Os barrios históricos da cidade sitúanse a un paso da ruína ao seren cada vez máis habituais os derrubamentos e incendios, por exemplo en Ferrol Vello. Disto fálanos a xornalista Noa Rodríguez. Asemade, mergullámonos na Ría de Ferrol, un espazo recuperábel que podería revitalizar o sector marisqueiro da zona mais que actualmente se atopa bloqueada por un modelo de saneamento obsoleto convertendo este espazo natural único nun dos máis contaminados do Estado español. 

Sermos Galiza achega 8 páxinas para reflexionarmos sobre unha cidade vítima da dependencia que xa podes mercar por só 0,50€ na nosa loxa virtual. 

Comentarios