Unha ollada AFondo aos 70 anos do Sempre en Galiza

Con motivo do setenta aniversario desta obra chave do pensamento nacionalista galego publicamos un caderno monográfico arredor da figura do seu autor e das ideas que este deitou no Sempre en Galiza.

Capa_A_Fondo_SG88

Falarmos de Castelao é pensarmos Sempre en Galiza. Así comeza o caderno monográfico que Sermos Galiza edita esta semana en papel con motivo do septuaxésimo aniversario da publicación da obra chave do nacionalismo galego contemporáneo. Un libro esencial do pensamento soberanista no noso país escrito, por "un persoeiro poliédrico que se manifestou de maneira xenial en todos e cada un dos campos en que se desenvolveu", como explicaba hai unhas semanas o historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel nunha reportaxe publicada por Sermos Galiza

Arredor de Castelao e do Sempre en Galiza botamos a ollada AFondo en 8 páxinas nas que quixemos debruzarnos sobre o cerne do pensamento deste ilustre nacionalista. 

Coordenado por Marcos Loureiro, profesor de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, presentamos un caderno no que ver que hai de actual nesta obra que, cumpre lembrar, foi editada grazas ás achegas económicas feitas por ducias de galeg@s emigrad@s e exiliad@s en Bos Aires, como lembra Manuel Rei Romeu no seu artigo Sempre en Galiza: elucidario para os nosos días. Este profesor asegura que "o nacionalismo galego non sería o mesmo hoxe en día" se non for pola publicación da obra de Castelao.

Falarmos de Castelao é pensarmos Sempre en Galiza.

Unha obra, afirma María Pilar García Negro, na súa achega, que reflicte "a consagración da normalidade monolingüe", mais tamén a defensa da "variedade de idiomas e de culturas" que no mundo existen rachando coa idea dunha "lingua universal". 

Asemade, afondamos na confrontación histórica entre o Partido Galeguista no interior --liderado por Ramón Piñeiro-- e o nacionalismo no exilio, liderado por Daniel Castelao a partir dunha carta escrita polo propio Piñeiro e dirixida a Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-cho-chei. Un artigo de análise asinado polo profesor de Filosofía, Xoán Carlos Garrido. 

Podes mercar xa o AFondo desta semana, na nosa loxa. 

FE DE GRALLAS: Por erro, Sermos Galiza asinou a Manuel López Foxo o artigo publicado na páxina 7 deste A Fondo, baixo o título de Dignidade e autoestima: Castelao sempre. En realidade, neste texto Sermos Galiza recollía fragmentos dun orixinal publicado no seu momento por Xavier Campos.

Comentarios