70 anos do Sempre en Galiza: o pensamento dun nacionalista

O 10 de marzo cúmprense 70 anos da publicación do Sempre en Galiza. A obra de referencia de Alfoso Daniel R. Castelao saíu do prelo en 1944 para se converter nun texto fundamental do nacionalismo galego. Arredor deste asunto conversamos co historiador Uxío Breogán Diéguez-Cequiel. A vindeira quinta feira, Sermos Galiza editará un AFondo monográfico sobre este aniversario.

O Sempre en Galiza publicábase por vez primeira en Bos Aires o 10 de marzo de 1944. Desde o exilio, Castelao achegaba ao pensamento nacionalista o que estaba chamado a ser un libro fundamental. Asentado no "debate" aberto entre o nacionalismo desenvolvido no "exilio patriótico" --do que Castelao foi o elemento central-- e o galeguismo da "relidade interior" de Galiza encabezado por Ramón Piñeiro, explica o historiador Uxío-Breogán Diéguez, a obra do de Rianxo "sintetiza o pensamento dun nacionalista senlleiro, un galego que pensa por e para Galiza a partir dunha entrega e intelencia extraordinaria. Obra que debemos lembrar se acaba de escreber no exilio, onde se edita, acompañando á acción da 'Irmandade Galega', creada no 1941 e presidida polo propio Castelao, así como o lanzamento do 'Consello de Galiza' no propio 1944, sorte de goberno galego no exilio, tamén liderado polo autor do Sempre en Galiza". 

Un persoeiro poliédrico que sintetiza a historia e programa político do nacionalismo

Así, Sempre en Galiza constituiría "o elemento de unión entre o nacionalismo previo a 1936 --que tivo como grande teórico a Vicente Risco-- e o que xustamente foi o nacionalismo novo, mozo, que xa desde os anos 50 se foi fraguando a partir de diversas experiencias como a constitución do grupo Brais Pinto en Madrid ou, a partir do 63, do Consello da Mocidade", di Diéguez-Cequiel. 

Aquela obra, de grande importancia pola súa capacidade de síntese entre "boa parte da nosa historia" e, ao tempo, "boa parte do programa político nacionalista desde o Rexurdimento até o propio Castelao", foi escrita por "un persoaeiro poliédrico que se manifestou de maneira xenial en todos e cada un dos campos en que se desenvolveu", subliña o historiador. "Unha figura sen a que non poderiamos enternder a política e a realidade socio-cultural galega do primeiro terzo do século XX". 

A vixencia do seu pensamento

Esta obra de referencia para o nacionalismo galego --composta por tres libros "que actúan a modo de realidades conexas dunha historia que é a historia política da dependencia do noso país e do programa político para a súa independencia, para a súa soberanía nacional", matiza Uxío Beogán Diéguez-- continúa a ter na actualidade unha leitura que está de plena vixencia, remarca. "Todo o referido a un desexo vibrante en favor dunha Galiza que soberanamente decida o seu futuro, a partir da nosa realidade nacional e a relación desigual con España, conta con absoluta vixencia". Mais tamén, acrecenta, "toda esa recreación histórica dun proceso de dependencia secular ao que é sometido o noso país" no marco, salienta, "dun Estado español que atende a salvagardar os intereses de España" entendida "como unha realidade exclusivista con epicentro en Madrid". 

Esa "dualidade", explica Uxío Breogán Diéguez, "é a que está vixente". Se ben, a realidade política actual e os movementos no nacionalismo galego puxeron de relevo, tamén, outros aspectos da obra e traxectoria política do propio Castelao para o que o historiador é taxativo: "hai que ler o Sempre en Galiza e ter presente que "a visión de Castelao e o Partido Galeguista desde o exilio a respeito da maridaxe cunha esquerda -ou pretensa esquerda española-, non é en absoluto positiva; sobre todo en base a decepcionante experiencia vivida no proceso estatutista, a posición daquela diante do Golpe militar e os comporamentos que manifestou na etapa do exilio que vivíu o propio Castelao", sinala.

Pois, o acordo adoptado pola Asemblea nacional do PG na altura de 1935 "na que se decidiu concorrer nas eleccións de febreiro de 1936 na coaligación Frente Popular "hai que encadrala fronte unha CEDA gobernante desde novembro de 1933 e un golpismo que acabaría trunfando no 1936; representando aquel acordo un "pacto testemuñal" naquel convulso tempo republicano". 

Neste senso, lembra o historiador a partir da propia obra, o acordo foi unha decisión encamiñada a "conquerir ese "Estado galego libre" recollido de maneira textual "no anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza (1931)", unha defensa na que tempo despois "ficaría practicamente só" sendo este "e non a esquerda española implantada na Galiza a que botou a andar e desenvolveu a campaña a prol do Estatuto finalmente plebiscitado, logro absoluto do galeguismo, con achegas externas que non se poden esquecer, caso das Xuventudes Comunistas e Socialistas Unificadas, nas que militaba Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo Díaz Valiño, militante do PG asasinado en agosto do 1936". 


Un AFondo para conmemorar o 70 aniversario

Con motivo da publicación do Sempre en Galiza, Sermos publicará a vindeira quinta feira un caderno monográfico arredor desta obra central do nacionalismo galego. Coa colaboración de persoeiros como Manuel Rei, Pilar García Negro ou Xoán Carlos Garrido repasaremos a figura e pensamento de Alfonso Daniel R. Un AFondo coordenado por Marcos Loureiro que estreará o primeiro número do Sermos após a ampliación do número de páxinas. 

Comentarios