O PP veta a ILP pola sanidade pública e descarta recuperar Preescolar na Casa

O PP iniciou no Parlamento o segundo mandato de Alberto Núñez Feijóo cun dobre rexeitamento de senllas iniciativas lexislativas populares (ILP) de defensa da sanidade pública e para o mantemento do programa Preescolar na Casa. No primeiro caso, entre duros reproches do deputado popular Miguel Santalices á organización promotora da ILP, SOS Sanidade Pública, por negar o seu apoio ao seu partido cando denunciaba que “non se construía ningún centro de saúde ou que se presentaban hospitais mais non se empezaban a facer”.
mani parlamento
photo_camera mani parlamento

Dalgunha maneira, o debate das ILP serviu hoxe para volver situar o PP no inicio dun novo mandato de Feijóo na Xunta. Se en 2009 impulsou no primeiro pleno da lexislatura unha lei promovida por unha rede antiabortista, a Red Madre, nesta puxo o freo a outras dúas de carácter social que estaban listas para o seu debate antes de que finalizase o anterior mandato parlamentario, mais que o grupo maioritario preferiu deixar para despois das eleccións autonómicas. Así o denunciou perante a Cámara o portavoz dá plataforma impulsora da iniciativa sanitaria, Manuel Marín, que acusou o PP de condenar un dereito ao “modelo medieval”.

Entrementres no exterior do Parlamento se desenvolvía unha concentración en contra da “privatización da sanidade”, Santalices baseou o seu rexeitamento á ILP negando a existencia de tal privatización en medidas como o modelo de financiamento do hospital de Vigo, do cal dixo que se limita a “externalizar servizos non asistenciais”. De aí pasou ao ataque. “Non é bo facer demagoxia nun terreo sensible asustando á población”, acusou Santalices, quen asegurou “botar en falta” a colaboración do colectivo impulsor da iniciativa cando era o PP na oposición quen defendía a sanidade pública de supostos ataques do bipartito.

A ILP contou co apoio dos tres grupos da oposición. Carlos Aymerich, do BNG, considerou a iniciativa “a antítese” da política sanitaria do Partido Popular e a súa “ofensiva contra a sanidade pública”. Cunha finalidade: crear oportunidades de negocio para empresas privadas ávidas de pór as súas garras” sobre o sector, denunciou Aymerich. Eva Solla, de AGE, e Carme Acuña do PSdeG, incidiron na denuncia de que o PP “usa a crise para desmantelar” o sistema público de saúde.

Canto a Preescolar na Casa, a deputada do PP Marisol Piñeiro considerou desfasado o modelo de educación a nen@s de cero a tres anos no seu entorno familiar que esta organización impulsa. “A realidade actual é moi distinta” da de 1977, cando o modelo botou a andar. “Pouco queda daquel illamento”, explicou. A parlamentar apelou á necesidade de “priorizar o gasto”, unha política que considerou avalada polas urnas. Piñeiro considerouse “sorprendida” polo apoio da oposición “a unha entidade privada” entrementres “denuncia os concertos educativos”.

Foi por aí por onde atacou o PP a defensora da iniciativa, Manuela Inés Novo, que comparou os 500.000 euros retirados ao colectivo, coa consecuente desaparición do servizo, cos 250 millóns de euros anuais concedidos a ensinanza concertada ou cos tres millóns para centros que segregan por xéneros, a pesar da sentenza en contra do Tribunal Supremo. Novo acusou o PP e a Xunta de actuar por ideoloxía e converterse en “liquidadores de todo o que soe a galego” Carme Adán, do BNG, tamén contrastou a desaparecida partida co millón de euros que gastou Sanidade en publicitar o inexistente hospital de Vigo ou a mesma cantidade con que se rescatou a Fundación Camilo J. Cela.

Comentarios