O número 41 do Sermos Galiza xa sae do prelo

As imaxes de Feijóo e Marcial Dorado ocupan as primeiras páxinas do Sermos Galiza. Esta semana falamos co xornalista Perfecto Conde e con Carmen Avendaño sobre a figura do narcotraficante que acompañaba a Feijóo naquel verán do '95.

Os nexos entre o contrabando e o Partido Popular non fican só nas imaxes de Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado. O xornalista Perfecto Conde cóntanos no número 41 do Sermos Galiza as relacións que existían entre Alianza Popular e algúns dos históricos nomes do contrabando en Galiza que após anos de actividade remataron, nalgúns casos, na cadea. Tamén así, debullamos as últimas novidades neste escándalo que ten como protagonista ao presidente da Xunta de Galiza e que o fixo aparecer nas cabeceiras da imprensa internacional. 

Nas páxinas de economía, abordamos as consecuencias do desmantelamento do sector financeiro galego para o rural. O peche das oficinas de NGB nas vilas do interior de Galiza deixan a moitas persoas sen acceso directo a unha sucursal. Porén, existen alternativas á banca convencional como a banca ética ou a creación dunha entidade pública ao servizo dos intereses económicos de Galiza. 

En social, lembramos os incendios que arrasaron con boa parte do Parque natural das Fragas do Eume. Un ano despois do acontecido falamos coa veciñanza de Cabanas e Pontedeume. @s veciñ@s denuncian o desleixo da Xunta co único monte atlántico de Europa e aseguran que esta segue sen asumir a súa responsabilidade no incendio. 

Nas páxinas de cultura achegamos os perfís dos dous candidatos que concorrerán á elección do novo presidente da Academia Galega logo da demisión de Ferrín. O feche da fábrica de armas na Coruña xunto coas seccións habituais son algúns dos contidos que atoparás neste novo número de Sermos Galiza.

Comentarios