O comercio lugués en crise pola suba do IVE

Nunha xuntanza coa Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), o vicepresidente da Deputación Provincial, Antonio Veiga, constatou que a suba do IVE aprobada polo goberno español, pon en perigo a supervivencia de moitos estabelecentos locais.

“Está en perigo a continuidade de moitos establecementos de hostalería e, por tanto, o emprego de ducias de cidadáns”, aseverou o nacionalista Antonio Veiga despois de reunirse con representantes da APEHL. Os representantes do comercio e hostalería da provincia  aseveraron que as políticas implementadas polo goberno español están a pór en xaque a moitos comerciantes cuxas perdas se sitúan arredor dun 40 e un 50 por cento a respecto do ano anterior.

Segundo a Asociación, a perda de turistas, o incremento dos impostos e a contención do gasto público están a provocar unha importante redución dos seus beneficios. Pola súa banda, o vicepresidente provincial sinalou que a "deixadez da Xunta en materia de turismo e emprego" aboca ao comercio e hostelaría luguesa ao peche. Antonio Veiga, recuncou en que as consecuencias da suba do IVE e da diminución do soldo d@s traballador@s públic@s preocupan especialmente en Lugo pois a provincia non conta practicamente con industria e posúe 10.000 empregad@s no sector da administración.

A taxa de desemprego en agosto, unha "ilusión óptica"
O goberno da Xunta de Galiza, louvábase estes días da diminución do número de persoas desempregadas no mes de agosto, mais desde a Deputación, Veiga aseverou que Lugo aumentara ao longo do verán en 4.000 o número de parad@s a respecto do 2011 nestas datas, isto é, a destrución de emprego na provincia supón un 18% da poboación activa. Para o nacionalista Antonio Veiga, os datos achegados neste mes non son senón unha "ilusión óptica".
Pola súa banda, delegado de turismo, Mario Outeiro, salientou a falta dunha programación turística acaída por parte da Xunta de Galiza, como unha das principais causas do desemprego na provincia. Así mesmo, contrapuxo a inoperancia do goberno de Feijóo cos programas desenvolvidos pola Vicepresidencia provincial que investiron máis de 240.000 euros para dinamizaren turisticamente algúns dos espazos naturais lugueses que contan con maior número de visitantes anualmente, entre eles, as Covas do Rei Cintolo ou a Praia das Catedrais.

Comentarios