No nº71 analizamos a présa do Goberno español por vender Novagalicia Banco

Empresas privadas que meten man nos ciclos de FP, a Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade, o conflito en Albada e os porqués da folga de fame de Velaluz centran un semanario, disponíbel na loxa, en que conversamos con Francisco Jorquera, Abe Rábade e Manuel Gago.

Capa_SG71
photo_camera Capa do número 71.


Cales son os contidos que vas atopar neste número?
 

  • Encetamos coas opinións de Pilar García Negro sobre as mobilizacións que se están a desenvolver nas Illes Balears contra a imposición do español no ensino e de Xurxo Souto, que celebra os 20 anos do Castañazo.
     
  • No tema da semana analizamos a présa que ten o Goberno español en vender Novagalicia Banco mesmo contra a opinión da dirección da entidade.
     
  • As enquisas sinalan que por vez primeira sería posíbel que Catalunya e Euskadi puidesen liderar o xaque á Tansición. Contámoscho na nosa Crónica política.
     
  • Os sindicatos alertan do camiño cara á privatización que emprenden os centros de FP a través de avaliacións externas nos institutos que se transformaron en Centros Integrados. Atoparás máis información nas páxinas de Galiza
     
  • Son máis de 150 e están dispostos a se mobilizaren día si e día tamén namentres a Xunta non se comprometa a rexeitar a resolución do 10 de setembro que impón o repagamento farmacéutico. A recentemente creada Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade chamas ao protesto o 8 e o 17 de novembro. 
     
  • "Se unha forza política preconiza que os escanos pertencen á organización terá que o aplicar en todos os casos", di o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera na entrevista que nos concedeu para este semanario. 
     
  • Cando a multinacional francesa Darty estaba a piques de fechar as tendas que tiña na Galiza, o antigo propietario decidiu recuperalas baixo a antiga denominación, San Luís, para manter os postos de traballo. Sabíalo? Pois achegámosche toda a información.
     
  • Van aló máis de catro meses de folga en Albada e o conflito prosegue. Nas páxinas de Traballo viaxamos até a planta de tratamento de lixo de Nostián para coñecer de primeira man o que alí está a acontecer.
     
  • Na Coruña, dez mulleres encetaron o 15 de outubro unha greve de fame para reclamar ''protección real'' para elas e as súas crianzas fronte á violencia machista. Fan parte da asociación Velaluz. En que se concretan as súas peticións? Debullámolas na páxina de Social.
     
  • O consumo responsábel chega aos móbiles. Na páxina de Tecnoloxía presentámosche o Fairphone! 
     
  • "O que podemos esperar da Europa é que seja tão débil e covarde como qualquer outro país", di Glenn Greenwald, o xornalista que revelou as revelacións de Edward Snowden, nunha entrevista que difundimos a dupla páxina en Internacional.
     
  • O 15 de novembro daranse a coñecer os finalistas da primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax. Presentáronse 523 iniciativas e falámosche delas na nosa sección de Cultura.
     
  • "É moi difícil conciliar calquera expresión artística de nivel con pensamentos reaccionarios", cóntanos o músico de jazz Abe Rábade en máis unha entrevista que che ofrecemos neste semanario.
     
  • A nosa Okapi no Courel enceta desta volta a leitura dos libros de 'Fabulando', a nova colección de Baía Edicións ilustrados e escritos por Mon Daporta onde o galo Ernesto ou o sapoconcho Andrés contan sorprendentes historias.
     
  • Manuel Gago achéganos en Vento e Chuvia unha mitoloxía galega da Idade do Ferro. Conversamos con el na Contracapa.
     
  • Unha axenda cultural, Crítica de cinema [Walk Hard, de Jake Kasdan], Crítica literaria [Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure], Crítica musical [Radio Cos, de Radio Cos] e unha viaxe ao Faial de Fonteformosa completan as 32 páxinas deste nº71 que xa están dispoñíbeis na nosa loxa e na quinta feira chegará aos puntos de venda habituais. Para lermos amodiño á calor da lareira! 

Comentarios