A Iniciativa social pola Soberanía ponse en andamento

Este sábado constituíuse en Santiago a xestora da que se autodenomina como Iniciativa pola Soberanía/Galiza pola Soberanía. Son 130 persoas que visan a construción dunha sociedade nova, baseada na xustiza e na igualdade. Esa sociedade pasa necesariamente en Galiza, afirman, pola construción dun Estado propio.

soberanía

Un cento de persoas constituíron o pasado sábado en Compostela a xestora da Iniciativa social pola Soberanía.

A proposta emana dun "grupo de galegas e galegos" sensibilizad@s "pola difícil situación" que, din, atravesa Galiza. O seu obxectivo é, segundo explican nun comunicado, construír un proxecto amplo que abranga numerosas persoas procedentes dos "movementos sociais, sindicais, culturais e políticos" cuxo interese común sexa difundir e espallar o debate arredor da libre determinación do pobo galego e do dereito á soberanía nacional para Galiza. 

Perante o contexto actual, marcado por unha profunda crise económica, mais tamén social, política e institucional, desde a Iniciativa pola Soberanía/Galiza pola Soberanía xulgan "necesario" reaxir como país e, neste senso, procurar "os instrumentos" que permitan a Galiza "decidir libremente" o seu futuro.

A Iniciativa pola Soberanía chama a procurar "os instrumentos" que permitan a Galiza "decidir libremente" o seu futuro

O grupo promotor xulga que perante o debate aberto a respeito do "dereito e o exercicio da soberanía" no Estado español, mais tamén en Europa, Galiza precisa "dun Estado propio" e con este alvo, chaman á sociedade galega a se sumar en prol "dunha sociedade nova" baseada, din "na xustiza, na igualdade, non patriarcal" mais tamén "respectuosa co medio" e que garanta "o dereito ao traballo, a sanidade, á educación á cultura, á vivenda e ao benestar públicos". 

Entenden que o sistema político español, que cualifican de "cruel" e "corrupto", está en grave crise, mas advirten de que, apesar diso, pretende unha recentralización política e "protagoniza unha sistemática campaña de españolización, de asimilación cultural e lingüística, evidenciando a súa incapacidade para admitir a existencia de nacións con linguas, culturas e intereses propios".

Face iso, a única alternativa verdadeiramente transformadora -e superadora do estado de dependencia en que se acha Galiza- que ten perante si o pobo galego é apostar na soberanía e na construción dun Estado propio.

Comentarios