Mexilloeiros e consumidores suman forzas para combater a fraude na etiquetaxe das conservas

O Consello Regulador Mexillón de Galicia e a Unión de Consumidores de Galicia asinaron un acordo de colaboración para dar resposta a un problema común: a fraude na etiquetaxe das conservas de mexillón. A Agencia Española de Seguridad Alimentaria constatou que 1 de cada 3 conservas deste molusco ofrece unha información sobre o produto que non se corresponde coa especie realmente envasada.

mexillon conservas

A falta de transparencia na información alimentaria de moitos productos transformados do mexillón preocupa a consumidores e profesionais do sector mexilloeiro. Os primeiros, porque ven menoscabados os seus dereitos, e o segundo, porque a mala praxe na etiquetaxe está comprometendo a viabilidade socioeconómica dun sector chave para Galiza, tanto en empregos directos como inducidos e no tecido social e económico de gran parte das comarcas costeiras do país.

Unha prospección de mercado realizada polo Consello Regulador no ano 2014 en diversos puntos de venda, revelou que o 75% das conservas usaba irregularmente mencións á orixe galega do produto

Ante esta situación, o presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde García, e a presidenta de Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Ana Olveira Blanco, asinaron esta cuarta feira en Compostela un acordo de colaboración entre ambas entidades. O acordo ten por obxecto compartir sinerxías en torno a dous eixos: reclamar unha etiquetaxe clara e veraz, que garanta a protección dos dereitos tanto das persoas consumidoras como das persoas pertencentes ao tecido socioeconómico do Mexillón de Galicia; e divulgar entre a cidadanía os produtos galegos de calidade diferenciada, e máis concretamente a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

Estudo de mercado

Unha das primeiras accións conxuntas que está prevista é a realización dun estudo de mercado da etiquetaxe das conservas de mexillón. Ademais, a UCGAL e o Consello Regulador tamén se comprometen a realizar  campañas de sensibilización, a cooperar en actividades de formación e transferencia de coñecemento e a colaborar no asesoramento e intercambio de información.

Mexillon

Spot de sensibilización

Paralelamente á firma do convenio, Mexillón de Galicia vén de lanzar un spot de sensibilización para alertar os consumidores das etiquetas enganosas das conservas e para que saiban recoñecer a única marca que garante a orixe galega do mexillón, o selo da Denominación de Orixe Protexida.

Baixo o título "Mexillón de Galicia, marisco de etiqueta", o vídeo resume en pouco máis dun minuto as infraccións máis comúns na etiquetaxe do mexillón. Unha delas é a utilización de reclamos comerciais do tipo "de las Rías gallegas" ou "sabor a Galicia" en produtos que non están certificados pola DOP, unha práctica que infrinxe a normativa europea, xa que ningunha destas mencións garante que o contido sexa verdadeiramente galego. Así, unha prospección de mercado realizada polo Consello Regulador no ano 2014 en diversos puntos de venda, revelou que o 75% das conservas usaba irregularmente mencións á orixe galega do produto. Ademais, estase a producir unha substitución de mexillón por outras especies de mitílidos, tal como demostra o estudo realizado pola Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (AECOSAN), que constatou que unha de cada tres conservas de mexillón ofrece unha información sobre o produto que non se corresponde coa especie realmente envasada.

Comentarios