A manifestación pola abolición da Coruña triunfa sobre a feira taurina

Máis de dúas mil persoas participaron na manifestación que hoxe transcorreu desde o Obelisco á Praza de María Pita na Coruña. A marcha en defensa da abolición e da retirada de axudas públicas trunfou sobre a feira taurina que, malia o apoio do goberno local non conseguiu o respaldo do público. 

Manifestación antitaurina (Foto. Jorge Castro)
photo_camera Manifestación antitaurina (Foto. Jorge Castro)

“Foi a festa pola abolición na que se mostrou o apoio social ao rexeitamento das touradas e o financiamento público” valora Rubén Pérez, voceiro de Galiza, Mellor sen Touradas (GMST), plataforma que convocou a manifestación apoiada por máis de cincuenta colectivos sociais e políticos. 

A marcha partiu do Obelisco para se dirixir á Praza de María Pita, e aínda estaba a saír xente do punto de partida cando a cabeceira xa chegara ao destino, enchendo por completo a Rúa Real da cidade. Os lemas “abolición” e “A tortura, nin arte, nin cultura”, foron algunhas das lendas que se berraron no acto que rematou coa lectura de diversos manifestos que reclamaban o fin das touradas e da súa promoción con cartos públicos. Multitude de pancartas e mesmo un toureiro aforcado déronlle cor a unha mobilización que mostraba con enerxía a oposición social ás touradas. 

Un terzo na feira

Trátase da máis numerosa das manifestacións antitaurinas celebradas na Coruña, co dobre de persoas que a do pasado ano, e catro veces máis que a de hai dous, en progresión ascendente, á contra da merma de público da feira taurina. A partir do luns, a plataforma Galiza, Mellor sen Touradas comezará unha investigación para pedir explicacións sobre o uso do diñeiro público na feira taurina, reclamando o balance de asistencia e esixindo as contas dos contratos públicos asinados polo Concello. Pola información que manexan, no día de onte ,sábado, a feira só conseguiu cubrir un terzo do aforo. 

Desde a plataforma mostraron o seu agradecemento aos grupos parlamentares -todos menos o PP- que compoñen a fronte antitaurina con 26 deputados do PSOE, AGE e BNG e tamén da oposición no Concello da Coruña polo apoio político desenvolvido que permitiu a presentación de distintas iniciativas para eliminar a excepción normativa que permite as touradas. 

A plataforma denunciou de igual maneira a censura á que foi sometida que impediu distribuír os seus cartaces polos valados ao negarse a empresa encargada por rexeitar o seu contido. “Ti tamén pagas a feira taurina” era a lenda que se recollía na campaña. Agradeceron, pola contra, a “desobediencia civil masiva” que eliminou a publicidade a pesares dos atrancos, entre eles, a persecución dun grupo 

No fin da manifestación recolléronse sinaturas para contribuír á presentación da iniciativa lexislativa popular que se remitirá ao Congreso dos Deputados e para o que queren contar con dous millóns de sinaturas. 

Comentarios