Arredor de medio cento de colectivos apoian a manifestación contra as touradas da Coruña

Case medio cento de colectivos apoian a manifestación contra as touradas que sairá este domingo día 4 ás 12 horas desde o Obelisco, con fin en María Pita. O goberno municipal do PP subsidia a feira taurina con 90.000 euros malia a oposición manifesta do 73% da cidadanía. 

Acto previo de apoio á manifestación da Coruña
photo_camera Acto previo de apoio á manifestación da Coruña

Colectivos veciñais, sociais, sindicais e políticos súmanse á manifestación deste día 4 na Coruña convocada pola plataforma Galiza, Mellor sen Touradas (GMST) xunta con Libera e a Fondation Franz Weber.  O próximo día 10, a mobilización trasladarase a Pontevedra cunha cadea humana e unha manifestación en protesta polas corridas de touros organizadas na cidade, neste caso, sen apoio do goberno municipal. 

“Ti pagas a festa taurina. 73% rexeitamos que se financie cos nosos impostos” é a lenda coa que convidan a participar na mobilización.

“Ti pagas a festa taurina. 73% rexeitamos que se financie cos nosos impostos” é a lenda coa que convidan a participar na mobilización da Coruña que agarda ser masiva, tirando un dato que mostra a oposición da cidadanía á contribuír con cartos públicos ao seu financiamento máis á cesión de instalacións municipais. Máis de 22.000 cidadáns asinaron tamén a moción en contra da feira promovida por Galiza, Mellor sen Touradas, o que deixa á vista a forte oposición da cidade ao festexo no que se sacrifican os animais. 

A feira da Coruña comezou o venres 2 de agosto e prolóngase ate o domingo catro. Malia a promoción e apoio do goberno municipal, os primeiros festexos están a contar con moi pouco público, cun baleiro notábel no coliseo no que se desenvolven. O goberno de Carlos Negreira aporta á feira  90.000 euros nun programa que conta tamén con cesión de espazos públicos. 


“Lástima de bois”

Mellor sen Touradas ademais do grupo municipal do BNG, e Galiza Nova desenvolveron onte sábado un acto previo de apoio á manifestación do domingo coa pegada de carteis coa frase de Castelao “Lástima de bois”.  A Concelleira Avia Veira cualificou de “auténtico insulto” o subsidio público que o goberno de Carlos Negreira outorga á feira taurina neste tempo de recortes de dereitos sociais e aumento dos prezos dos servizos públicos. “Ao PP non lle treme a man á hora de darlle pola porta de atrás 90.000 euros ás touradas á vez que encarece o recibo de auga e o billete do bus, obriga ás persoas usuarias da axuda a domicilio a repagar o servizo e recortar en igualdade, cultura e ensino”, denunciou a concelleira que lembrou que só un 3% da cidadanía galega ten manifestado interese polas touradas. 

Pola súa parte, o voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou o seu rexeitamento a que “se destinen recursos públicos á promoción e desenvolvemento de espectáculos crueis cos animais como as touradas”. 

O representante de Galiza, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, denunciou a persecución que na cidade da Coruña sufriron membros do colectivo ao pegar cartaces anunciadores da manifestación do domingo. Segundo sinalou, foron perseguidos por unha furgoneta da empresa que coloca os anuncios da feira taurina. 

No Parlamento, toda a oposición sumouse á iniciativa do BNG para declarar Galiza como “territorio libre de touradas”. 

Comentarios