Juárez di que a policía vixiará o acto de solidariedade con Maria Osório

O delegado do Goberno español na Galiza asegurou que as forzas policiais "actuarán como corresponde" se Osório toma parte na convocatoria.

osorio presos

Samuel Juárez pronunciouse esta sexta feira a respeito do acto de solidariedade con Maria Osório convocado para o sábado 7 de xuño na Gentalha do Pichel.

O delegado do Goberno español na Galiza advertiu que a policía vixiará o acto e coidará "moito" que este non se convirta nun "acto de enaltecemento do terrorismo", dixo, perante a posíbel asistencia de Osório.

De ser así, explicou Juárez, a policía actuará "como corresponde, que é facendo cumprir a lei". Aliás, indicou @s xornalistas en declaracións recollidas pola Radio Galega que Maria Osório será detida e posta a disposición xudicial "en canto sexa posíbel".

Osório foi condenada pola Audiencia Nacional española a unha pena de entre 10 e 18 anos de cadea por "pertenza a organización terrorista" xunto con Antom Santos, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo. Após un recurso de casación interposto pola defensa, a condena foille rebaixada a 7 anos e 9 meses ao considerar as penas impostas pola Audiencia "de gravidade inusitada e desproporcionadas cos feitos axuizados".

Comentarios