"É aberrante que se poda ter a un preso na cadea desde 1989 e con saída para 2040"

M.L. -siglas ficticias- está preso en Teixeiro. Entrou na cadea con 18 anos, sen ter cometido delitos de sangue, leva 25 en prisión e ten como horizonte de saída o 2040. O semanario Sermos Galiza publica unha entrevista con este home que denuncia a cadea perpetua encuberta á que está sometido, cando a pena máxima que contempla o Código Penal é de 30 anos. Fernando Blanco, o presidente de Esculca, a entidade autora da entrevista, explícanos os buracos negros da xustiza que permiten situacións como esta que poñen en cuestión o estado democrático de dereito. 

Fernando Blanco
photo_camera Fernando Blanco

Como chega a Esculca a situación na que se atopa M. L? 

Foi el mesmo o que se comunicou con nós cando chegou a Galiza. Púxose en contacto cun dos integrantes de Esculca cando chegou a Galiza. Nós tiveramos xa coñecemento dalgunhas situacións semellante de cadeas perpetuas encubertas, por exemplo, no caso dun preso galego que tiña unha condena de perto de 42 anos. 

-De que maneira se pode explicar unha situación como esta, na que se supera en máis de dez anos o máximo permitido por lei?

Aínda que o termo sexa moi recorrente, só podemos definila como kafkiana. Esta persoa le e rele o artigo 76 do Código Penal e ve que os límites máximos de pena son de 20, 25 ou 30 anos. No seu caso sería de 20 que xa leva cumprido. Trátase dunha situación aberrante que nin sequera ten amparo da xurisprudencia do Tribunal Supremo que ten marcado xa unha liña moi continuada na que se indica que non pode haber cumprimentos de penas que excedan os 20, 25 ou 30 anos, xa que afectaría o dereito á dignidade das persoas, recollido na Constitución. A partir dese tempo enténdese que o efecto xa non é a reinserción senón a aniquilación. 

"Esta persoa le e rele o artigo 76 do Código Penal e ve que os límites máximos de pena son de 20, 25 ou 30 anos, que el xa ten superado"

-Se o Código Penal recolle ese artigo limitador da pena e o Tribunal Supremo tamén o ampara, como se explica a situación deste preso de Teixeiro?

Pode haber varios actores que teñan responsabilidade. En principio acontece porque este máximo de cumprimento ten que sinalarse polo último tribunal sentenciador que dita o auto. Se a condena é a 42 anos tería que respectar ese máximo de 20, 25 ou 30. Que acontece? O artigo 76 introduce varias regras, unha refírese ao máximo de cumprimento e outra á acumulación xurídica das penas, é dicir, non se pode ser máis que o triplo da maior. Para poñer un exemplo: se eu cometo dezaoito roubos, e o máis grave é de 3 anos, pódenme poñer dous máximos de cumprimento ou o triplo da máis grave. Se eu son outro preso e teño eses mesmos roubos e ademais unha pena de 15 anos, tería 18 máis 15 e entón apúntanseme á segunda regra, non cumpren máis de vinte. Son dúas regras subsidiarias que tenden a beneficiar ao preso mais a administración está interpretando nestes casos de maneira diferente. Como pode acontecer isto? A doutrina Parot nace porque o último tribunal colle todas as sentenzas, que sumarían máis de mil anos e márcalle o máximo cumprimento que á Audiencia Nacional non lle parecía abondo e foi agrupando as condenas por grupos segundo as datas. Dáballe así unha barbaridade de penas polas que tería que estar máis de trescentos anos na cadea. O Tribunal Supremo marcou o máximo cumprimento en trinta anos mais a doutrina Parot estaba para ampliar ese tempo. 

-Neste caso estamos a falar dun home que entrou con 18 anos, é dicir, na fronteira da maioría de idade, e leva en prisión 25 sen o que se coñece como delitos de sangue. Como pode estar acontecendo unha situación como esta?

Os seus eran delitos contra a propiedade. Ten unha explicación técnica. Contra os autos só cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo e a xente en prisión ten dificultades para se defender porque moitas veces o tribunal está en Alcalá e el en Teixeiro, poño por caso. O preso ten moitos atrancos para exercer unha defensa efectiva, ás veces nin coñece o letrado e iso determina que algúns destes autos non sexan recorridos en tempo. Cando isto acontece pasa a ser firme e se o preso solicita que se lle aplique o máximo cumprimento, a administración diralle que tivo oportunidade e non recorreu. 

"O preso ten moitos atrancos para exercer unha defensa efectiva, ás veces nin coñece o letrado e iso determina que algúns destes autos non sexan recorridos en tempo"

-Quere dicir entón que o preso se atopa nunha situación de indefensión? Non hai mecanismo ningún no sistema xudicial que vele para que isto non aconteza?

Existe tamén responsabilidade da administración penitenciaria que pode revisar o expediente do preso e ten obriga de asesoralo e explicar como se marca o máximo de condena. A pena neses graos é inhumana e destrutiva e iso teno aclarado até o Tribunal Supremo. Acontece tamén que o recurso e as vías para facer efectivo o máximo cumprimento do artigo 76 son ríxidas e hai menoscabo do dereito das persoas presas. 

-A xustiza non tería que actuar mesmo de oficio nun caso como este?

A situación é de clara indefensión. O noso sistema de defensa gratuíta está limitado a cando a sentenza aínda non se produciu. Para moitos dos trámites non se recoñece un avogado de oficio que ten como labor manter a defensa só ate dous anos despois da sentenza. Non se prevé unha defensa letrada dos presos en execución de sentenza. Aquí é esencial unha ampla defensa gratuíta e, en cambio, comprobamos que é moi limitada. As alternativas que había para paliar esta situación foron caendo por falta de financiamento público por medio de convenios cos colexios que pagaban os gobernos autónomos. Esculca presentou un proxecto á Dirección Xeral de Xustiza para implantar un sistema de defensa en todas as cadeas galegas pero temos que dicir que o Consello da Avogacía Galega non amosou unha actitude reivindicativa nesta materia. 

-Cos datos que nos aportan, enténdese que a situación de M. L. será desesperada. Como o atoparon? 

Trátase dunha persoa extraordinariamente forte, cunha enorme riqueza mental que lle está permitindo resistir esta situación cunha entereza que, ao meu ver, é case inasumíbel porque carece de horizontes. Malia esta personalidade a desesperanza en relación a posíbeis solucións é grande. Mostra tamén a mesma situación de abraio que nós compartimos, de que esta situación se estea a dar co artigo 76 vixente e a postura do Tribunal Supremo. 

"Existe tamén responsabilidade da administración penitenciaria que pode revisar o expediente do preso e ten obriga de asesoralo e explicar como se marca o máximo de condena". 

-Que efecto teñen nel estes anos de cárcere? 

Se te refires ao concepto de reinserción, que vai máis alá da súa faceta xurídica, ao meu ver persoalmente significa que a persoa, como mínimo, non saia peor do que entrou, que o cárcere non prexudique máis aínda. A persoa coa que falamos está totalmente reinsertada e amosa valores solidarios e de análise política. 

-Desde fóra, e sen coñecer a normativa, a idea que hai é que dentro do cárcere pódense reducir as penas. Por que neste caso non acontece? 

As persoas das que falamos non son especialmente conflitivas mais non aceptan a ideoloxía imperante na institución penitenciaria. Son persoas con espírito crítico. Aínda sen dar problemas, son castigadas polas institucións penitenciarias e normalmente pasan unha parte elevada da súa condena en primeiro grao. A persoa coa que falamos está en primeiro grao en primeira fase, ten tres horas de patio ao día e as 21 restantes na cela. Fuxiu algunha vez de prisión e é unha persoa moi sinalada no entorno penitenciario. Non quere identificarse porque non lle gustaría converterse nunha cara de telexornais. Ten un sistema de valores sociais e políticos diferentes e polo tanto son considerados como xente resistente, perigosos para a institución e sometidos.

-Ten relación coa familia? Está próxima?

Mantén contacto coa familia a pesar da distancia. Unha relación dura. A dispersión é un sufrimento engadido para o preso e unha pena para as familias que non foron condenadas. Están a moitos quilómetros do cárcere. 

 "A persoa coa que falamos está en primeiro grao en primeira fase, ten tres horas de patio ao día e as 21 restantes na cela".

-Unha situación como esta se non hai solución algunha pode poñer en cuestión un estado democrático de dereito. Algún mecanismo ten que existir para que M. L poda saír xa da cadea, unha vez ten cumprida a pena máxima?

Neste momento está interposto un recurso de casación contra o auto que marcou estes límites máximos. Desde Esculca tentaremos facer o seguimento e agardamos que esa sexa a solución xurídica. En todo caso, os recursos de casación non son preferentes nun Tribunal Supremo que ten sobrecarga de traballo co cal a solución non vai ser inmediata. Hai esperanza xurídica mais queremos tamén  trasladar a necesidade de coñecer esta situación que socialmente é descoñecida, é ocultada. Cando se repite o discurso de que estamos nun sistema penal no que se entra por unha porta e se sae por outra intentan agochar realidades como estas. El na entrevista comenta que hai máis casos que podería revelar mais non ten autorización. Se a unha humilde asociación galega como a nosa chegan dous, é que, certamente, ten que haber moitos máis. 

-O Tribunal Supremo acaba de resolver o recurso de casación reducindo penas ás catro persoas condenadas mais recoñecendo a existencia de Resistencia Galega. Que opinión lle merece?

Con toda a cautela e o apoio ás familias e ás persoas condenadas e tendo en conta que a sentenza aínda non está examinada senón que se coñece polos medios de comunicación, semella un fallo discutíbel a solución que dá o Tribunal Supremo sinalando que se trata dunha “organización embrionaria”. Ou hai organización ou non a hai. Persoalmente e como asociación temos interese en ver como o Tribunal Supremo validou as infraccións do dereito de defensa que nós a pé de obra constatamos que existiron e que, polo que parece, a sentenza non dá por relevantes. Sosteño que o traballo da defensa atopou moitas dificultades. 

-Estamos a falar das sentenzas cando algún dos condenados leva xa dous anos na cadea. Como se pode entender que sen o xuízo pechado leven dous anos presos?

Un dos pozos negros ou lagoas fondas do dereito é a abuso da prisión preventiva como unha especie de adiantamento da pena. A prisión preventiva está para cumprir unha función cautelar mais, neste caso non había necesidade dunha aplicación destas medidas tan elevadas para persoas integradas e con risco de fuga practicamente inexistente.

A entrevista coa persoa presa M.L. podedes lela no número 94 de Sermos Galiza, xa na loxa e nos vosos quiosques

Comentarios