Feministas galegas en loita polos dereitos reprodutivos

Sermos Galiza ofrece un caderno de análise arredor da rebeldía lilá e galega en pé contra a perda de dereitos para as mulleres. Coa inminente reforma da lei do aborto abordamos o 'poder do noso non'

 

Poderán silenciar / poderán afogar / podrán enxordecer a forza  do noso berro / mais non poderán impedir / o voo do noso pensamento. [...]

Luz Fandinho 

Ana Costoya, xornalista e feminista, coordina este monográfico arredor da ofensiva reaccionaria e machista lanzada desde o Partido Popular. O desmantelamento dos Centros de Planeamento Familiar, a criminalización da Interrupción Voluntaria do Embarazo ou a marxinación de sexualidades na loita polos dereitos reprodutivos son unha pequena parte da involución sofrida polas mulleres en relación á súa saúde sexual e reprodutiva. 

Da man de activistas como Chus Díaz, Laura Bugalho, Jennifer Franco ou Graciela Atencio revisamos as frontes abertas en que se está a combater o movemento feminista. Unha loita de trincheiras na que se mestura a experiencia das mulleres máis veteranas coa enerxía das mozas máis novas e que ten un bo reflexo na Plataforma galega polo dereito ao aborto. 

Con elas falamos nunha pequena entrevista que ten no albo a manifestación nacional convocada para este domingo (16 de xuño). O movemento feminista da Galiza ponse en pé pola defensa do dereito a decidirmos sobre o noso propio corpo, a nos autodeterminar e opornos á criminalización do aborto. 

Comentarios