Un Feijóo sen respostas no número 69 do Sermos Galiza

O debate sobre o estado da nación e o negocio do lixo centran un novo número de Sermos Galiza no que tamén falamos sobre a parálise do proxecto mineiro de Corcoesto ou o Premio nacional outorgado a Manuel Álvarez Torneiro. Xa á venda na nosa loxa.

capa (1)

A privatización da recollida de lixo iniciada nos anos 80 alimentou un negocio que en Galiza está dominado por catro grandes construtoras. Botamos a ollada ao conflito de Albada, unha realidade que evidenciou a existencia dunha estafa social na xestión dos refugallos. 

Nas páxinas de política repasamos o debate sobre o estado da nación e o repregue táctico de Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta de Galiza abandonou o corpo a corpo e optou por ofrecer un pacto aos grupos da oposición --nomeadamente ao PSdeG. Porén, os ataques ao bipartito e o soberanismo remataron por sacar o líder do executivo do seu propio guión. 

Coincidindo co debate no Pazo do Hórreo a Xunta de Galiza anunciou a parálise do proxecto mineiro en Corcoesto. Embora a administración quixer pendurarse a medalla, o certo é que a presión social obrigou á Xunta a renunciar ao seu "proxecto estratéxico", se ben, a empresa canadense Edgewater mantén a titularidade dos permisos até o ano 2064. Unha situación que cerne a dúbida sobre o futuro da mina. 

Sen saírmos das páxinas de Política conversamos con Mariano Abalo, secretario xeral da Frente Popular Galega. Após o seu Congreso Nacional e do seu vixésimo quinto aniversario a FPG reafirma a 'posición Soto' e bascula en Anova o seu traballo político para construír, din, "unha fronte ampla antisistema". 

Asemade, a plataforma social Galiza pola Soberanía vén de desenvolver unha campaña de visibilización que a levou a despregar faixas en diversos puntos emblemáticos do país e a estrear espazo web e perfil nas redes sociais. Con algún dos seus impulsores conversamos sobre os novos proxectos da iniciativa. 

A mina de Corcoesto

Nas páxinas de Social analizamos a crise dos dereitos sociais e das políticas que pulan pola equidade de xénero con mtivo das xornadas organizadas pola rede de integración en igualdade Arnela. "O estado do benestar é unha entelequia e todos os dereitos que temos conqueridos poderían ficar en papel mollado", sentencian. 

O sector do viño, osíxeno para Galiza

En páxinas interiores abordamos un dos sectores económicos estratéxicos para o país. O sector vitivinícola galego está en auxe e após rematar a vendima está preparado para comezar a producir. A diversidade e calidade dos nosos viños sitúan Galiza entre as mellores produtoras do mundo xerando toda unha industria arredor da cultura vitivinícola. 

O 'Espírito 45' e Manuel Álvarez Torreiro, Premio Nacional de Poesía

En Internacional botamos a ollada atrás e lembramos o "espírito do 45" con motivo do novo documentario presentado polo director Ken Loach. O novo filme do británico aborda aqueles anos en que o laborismo estaba nas antípodas da terceira vía neoliberal de Blair. Sen afastármonos da Cultura mais volvendo á nosa terra conversamos con Manuel Álvarez Torneiro, o poeta que vén de ser galardoado co Premio nacional de Poesía converténdose no primeiro autor que o recibe por unha obra en galego. E na contra-capa, achegámonos á universidade popular. Da man de Tamara Rubiños debullámosvos polo miúdo este proxecto que din visa "achegar os contidos da universidade ao rural". 

Todo isto e moito máis, coma cada quinta feira nos quiosques e librarías do país. Tamén á venda na nosa loxa. 

Comentarios