Feijóo pon caducidade á sanidade universal na Galiza: 6 meses

A Consllería de Sanidade advirte de que en seis meses aqueles inmigrantes que non acrediten unha serie de condicións, ficarán excluidos dun dereito, o da atención sanitaria a calquera persoa, recoñecido nos dereitos universais

Desde a Biblia até, dous mil anos despois, a declaración dos dereitos humanos da ONU. Unha longa traxectoria histórica na que un dos motores de avance era que, todo aquel que precisase atención sanitaria (ou como se denominase esta ao longo da historia) tiña dereito a ela. Independentemente de onde nacese. Independentemente da cor da súa pel ou de se era rico ou pobre. Ducias de milleiros de persoas deron folgos e mesmo a vida por defenderen que, á hora de precisar cobertura sanitaria, todo ser humano merecía ese dereito. Pois non, o goberno galego vén de dar seis meses aos inmigrantes en situación irregular para que xustificaren a súa falta de recursos e tempo de empadroamento preciso para poder acceder a este dereito universal. Nin EEUU foi tan lonxe neses recortes.

A Xunta vende esta norma como progresista e mesmo 'insubmisa' á aplicada polo goberno central, que se presentaría como máis restritiva. Máis a realidade é ben outra. Denúnciano colectivos, asociacións e sindicatos. Entre eles, a CUT, que afirma que estamos ante "a instauración dun novo sistema de segregación racial e económica na Sanidade Pública tanto estatal, como neste caso, galega".

Entre outros argumentos, desde estes sectores sinálase, como se manifesta no comunicado do sindicato mencionado, que "a prórroga de 6 meses da situación actual no contexto galego correspóndese cunha estratexia electoralista do PP para non dar ningunha solución definitiva e non desvelar a verdadeira sintonía do goberno galego co plantexamento de segregación racial na sanidade pública que instaurou Rajoy. Tampouco aclaran que pasará co colectivo inmigrante que se atope no noso País aínda sen empadroar ou que chegue ao noso País con posterioridade a esta data, o que converte todo isto nunha medida de disimulo da auténtica catástrofe humanitaria que a dereita está a deseñar, enfrontando aos traballadores e traballadoras entre si, segundo a súa orixe étnica e lexislando discriminatoriamente para cidadáns de primeira categoría e cidadáns de segunda".

Comentarios